Lemos en Vieiros
“Acaba de aparecer nas librerías un libro con cd e dvd editado por Difusora de Letras, Artes e Ideas, no que se revisa o universo de Blanco Amor desde diferentes disciplinas. Xunto a ensaios de Álex Mene, Xosé Manuel Buxán, Luis Rei e José Somoza, a obra inclúe o cómic “Noite de sombras”, un xogo de mesa, un audiovisual sobre unha obra para títeres de Blanco Amor e un disco no que dez grupos ourensáns presentan temas inspirados por A esmorga.
Unha perversión en viñetas
A novela é a fonte de inspiración da peza de banda deseñada “Noite de sombras”, con guión de Carlos Rafael Ramos e debuxos de Jaime Eizaguirre. “Máis que unha versión é unha perversión”, explica o guionista. A obra toma como referente unha noite de troula con tres personaxes na cidade de Ourense, “pero a partir de aí imaxinei o que podería pasar noutro contexto”, di Ramos. Así que sitúa a acción na noite do 1 de decembro de 1979, día no que morreu Blanco Amor, e no que Brais, Vito e César van celebrar a saída do cárcere dun deles. Carlos Rafael Ramos tomou como referencia as súas primeiras noites de esmorga, “cando os únicos locais que abrían de noite eran os bares de putas”, explica, “e alá iamos amigos e amigas a tomar un cubata entre catro”.
Pois ben, o Jaime Eizaguirre autor dos debuxos da peza de banda deseñada “Noite de sombras” é un pouco noso. Aínda lembramos ben cando andaba polas aulas do centro non hai tantos anos. A semana que ven teremos o privilexio de que dirixa durante varias sesións un obradoiro de banda deseñada do que xa falaremos polo miúdo.
Ata entonces xa podemos admirar a súa colaboración neste magnífico proxecto, este “espazo de criatividade participado por 200 persoas, criatividade que poucas obras literarias son capaces de inducir e concitar”.
1 comment:
Un libro moi interesante e barato para todo o que trae. Onte merquei o libro e hoxe tiven a sorte de poder asistir na ourensá rúa da Paz á representación teatral da Esmorga polo grupo Sarabela. Unha preciosidade. Polo camiño fun escoitando as cancións esmorguianas que trae o CD do libro. Sen comentarios...
Post a Comment