Sunday 11 September 2011

Mª DOLORES

Era doado ver ao noso compañeiro Rafael e a Mª Dolores, a súa muller e inseparable compañeira, pasearen por Pontevedra nos días soleados. El, coma sempre, condutor solícito e atento da cadeira de rodas desde a que Mª Dolores paseaba pola vida con esa inesgotable vitalidade que era a súa mellor arma. Lembramos que hai só uns días liamos como a indomable escritora Sidonie Gabrielle Colette xa moi anciá e inválida, sentada case permanentemente xunto a unha xanela, soubo manter ata o final a súa capacidade para ler, escribir e gozar da vida a fondo, mesmo nos momentos máis duros:

“Non podo andar, pero voo. Voo cada día por encima dos xardíns así que non te preocupes o máis mínimo por min. Sufro, pero descubrín gradualmente como minorar o sufrimento.”

Ese era o irredutible espírito que habitaba en Mª Dolores, afeita desde nena a superar inmensos desafíos. Por iso impacta dobremente a súa perda, tan fulminante e prematura.

Dolores e Rafael tiveron un tempo da súa vida ligada a Chantada, alí deixaron amigos dos bos e alumnos que os lembran. Para honrar a memoria de Dolores, muller, lectora, lectora de poesía, escollemos estas palabras de outra muller poeta, tamén profesora, e chantadina de corazón, Carmen Blanco. Con estes versos queremos despedila, seguros de que sorriría ao escoitalos. Que o Chantada corazón de Galicia una os nosos corazóns, Dolores e Rafael na nosa Pontevedra para sempre.

MILES DE MULLERES

Miles de mulleres viñeron ao meu corazón
as mellores mulleres do mundo
Elas son distintas e extraordinarias
e coas súas vidas moven o mundo.

A METADE DO MUNDO

As mulleres somos a metade do mundo
e somos tan imprescindibles coma os homes
Mulleres e homes xuntos movemos o mundo
Mulleres e homes xuntos prolongamos a vida
A irmandade do amor dos homes e das mulleres
fará finalmente un mundo libre.

Poema: Un mundo de mulleres, Carmen Blanco. Biblos 2011
Cita de Colette: El amor de mi vida. Rosa Montero. Alfaguara 2011

1 comment:

Anonymous said...

Desde Chantada o noso máis sentido pésame.

Related Posts with Thumbnails