
Dado que un grupo de alumnos e alumnas deste centro van visitar esta mostra podemos intentar mergullarnos no mundo de Tamara para gozar mellor da súa obra.
O ABC.es comeza a recensión desta exposición dicindo da pintora: “Aristócrata, excéntrica, liberal, independente, excesiva, exuberante, bisexual, diletante, fría, sofisticada, cegadora, narcisista, moderna, autoritaria, esnob, insolente, enxeñosa, hedonista, desapiadada, elegante, voraz, imperiosa, cosmopolita, arrogante, depresiva, intelixente, exótica, perversa, divertida, femme fatale... Inimitable. A Greta Garbo do Art Déco. Así era Tamara de Lempicka, unha personalidade tan arrasadora que eclipsou á artista”.

Pode que moitos destes adxectivos sexan froito da lenda sobre a súa persoa pero do que non queda dúbida é de que a súa vida está marcada polos acontecementos da época en que lle tocou vivir: a revolución bolchevique cambia a súa desafogada existencia e ten que fuxir da Rusia revolucionaria. En París supera penurias económicas e convértese nunha coñecida artista ao tempo que se rodea de luxo e

Manterá sempre unha posición anticomunista que dalgún xeito reflicte nos seus cadros onde os personaxes retratados amosan unha actitude elitista ante o mundo, unha certa mirada altiva.
Actualmente abondan os recoñecementos á súa obra pero non deixa de ser unha artista controvertida que é acusada de practicar unha arte puramente decorativa, decadente, de ter soidade do perdido esplendor da burguesía da época pero de non posuír a enerxía das vangardas (Pincha aquí para ampliar esta crítica). Desde outras perspectivas afírmase que foi inxustamente esquecida ata a década dos noventa e que a súas obras poden ser comparadas coas de dous grandes do século XX, Léger e Picasso.
O certo é que ser muller e aparecer nos libros de arte non é doado.
Que función debe ter a arte?
En que aspectos nos podemos fixar para avaliar a produción artística de Lempicka?
Aporta algo a súa obra desde unha perspectiva feminista?