O reto de que a cidadanía recoñeza as diferenzas e a diversidade como algo consubstancial ás sociedades modernas é o interesante tema que propón a Aula Castelao na XXIV edición da Semana Galega de Filosofía.
Incluímos a reseña periodística do evento.
"Unha primavera máis reúnese na cidade de Pontevedra un grupo das máis destacadas figuras intelectuais no ámbito do pensamento que animarán as sesións desta cita cultural entre o 9 e o 13 de Abril. Filosofía e diferenzas é o tema proposto para esta ocasión, unha reflexión sobre o concepto do distinto, do diverso, do que é doutra maneira. Realidades que definen o mundo social do presente, o mundo das diferenzas físicas, culturais, económicas, sociais, ideolóxicas, pero que con demasiada frecuencia se traducen en desigualdade, en desintegración social ou en pura violencia, exercida coa forza do pensamento hexemónico, dogmático e intolerante. Por tanto, recoñecer a diversidade nos seres humanos como algo natural fronte á suposta homoxeneidade construída culturalmente, segue a ser un reto da cidadanía, non vetar as diferenzas segue a ser un exercicio da máis auténtica tolerancia, de verdadeira democracia. A XXIV Semana Galega de Filosofía aborda o tema nas sesións de mañá, tarde e noite, baixo os epígrafes Pensando as diferenzas, Diferenzas aquí e agora e Diferenzas Vetadas. A poucos días de comezar o encontro, hai máis de 1.000 participantes inscritos. Esta receptividade é unha boa proba do grande interese que esperta o tema proposto nesta edición da veterana cita..."
No comments:
Post a Comment