Hoxe queremos contarvos unha historia sorprendente que coñecemos a través da interesante reportaxe de Thomas Dworzak. Xa leramos hai algún tempo acerca do asombro dalgúns visitantes occidentais en determinadas zonas de Afghanistan ao ver a naturalidade con que os rapaces e os homes afgáns se maquillaban os ollos con khol (un po negro e moi fino que se usa dende hai séculos en África e Asia para maquillar de negro as pálpebras). Do mesmo xeito, adoitaban aparecer en público da man ou abrazados con outros mozos, ou mantiñan numerosas relacións homosexuais de forma máis ou menos aberta, debido probablemente ás restricións impostas para ter unhas relacións fluídas con rapazas da súa idade. Esta permisividade de fondas raíces culturais, rematou bruscamente coa chegada do réxime talibán, coñecido en todo o mundo polas severísimas medidas que impedían calquera manifestación espontánea de alegría ou afecto. Á parte de impoñer ás mulleres o uso do burka, os talibáns prohibían calquera forma de representación dos seres vivos, animais incluídos. Ordenouse o peche de centos de estudios fotográficos, deixando só abertos algúns para realizar as fotos imprescindibles para os documentos oficiais. Non obstante, estes temidos soldados que eran capaces de castigar dun xeito atroz aos que se atrevían a desobedecer as súas demenciais ordes, subornaban aos fotógrafos para conseguir fotos máis do seu gusto, nas que aparecen profusamente maquillados ou con amigos íntimos sen ningún tipo de disimulo, permitíndose o que reprimían tan cruelmente nos demais. O autor da reportaxe conseguiu estas fotos cando as tropas talibáns fuxiron ante a chegada dos seus opoñentes en 2001 e deixaron algunhas sen reclamar.
Unha vez máis comprobamos a tremenda hipocrisía e o cinismo dos represores, máis hipócritas e máis cínicos canto máis crueis son os seus métodos. Realmente son fotos que poducen unha sensación estraña; botade unha ollada porque paga a pena e non vos desanimedes polas explicacións en inglés. contan máis ou menos o que acabades de ler.
No comments:
Post a Comment