Sunday 14 December 2008

Modou

Queremos dedicar esta entrada de Mesturas a Modou. Modou Gueye é senegalés e leva un ano connosco. Vese axiña que é moi listo, pero non debe ser doado ser o único alumno subsahariano do centro e chegar falando só wolof. Modou aprendeu moito durante este ano pero aínda así ás veces prodúcense algúns malentendidos como o outro día cando chegou á súa clase e descubriu que os seus compañeiros e compañeiras xa se foran a unha sesión de cine. Entón baixou á biblioteca, onde o coñecemos ben e vimos que, aínda que sorría como sempre e dicía que non importaba, estaba enfadado. Facendo unha excepción, paramos o traballo e baixamos uns cafés e unha cocacola para el. Empezamos a falar de música. Preguntámoslle por Ismael Lo, vimos que non lle gustaba moito. Falámoslle de Tajabone, unha das súas cancións e enseguida nos demos conta de que a Modou esa canción en concreto non lle gusta nada, pero nada de nada. Entón contounos que o seu cantante favorito é Alione Mbale Nder, xa doutra xeración, e falounos da súa canción preferida. Pedímoslle que escribise a letra, en wolof. Sorri e di, ou iso cremos entender, que esa variedade de wolof non se adoita escribir. Modou pronuncia o nome do cantante dunha forma que nos levaría meses imitar. Pedímoslle que, polo menos, nos conte que di a canción. Modou sorrí de novo e di que por suposto é unha canción de amor. Para tod@s os lectores de Mesturas, e moi especialmente para el, os videos das dúas cancións.


4 comments:

Anonymous said...

Eu creo que é moi difícil para moitos emigrantes adaptarse a un novo país, unha nova xente e unha nova cultura, pero está claro que todos (especialmente os docentes) temos que romper esas barreiras e lograr que se sintan agusto no noso país que tamén é o seu. Bo traballo compañeiras da biblio, como sempre unha sensibilidade maíscula.

Loly said...

Subscribo todo o dito por Marina, pero engadirei que oxalá todos, emigrantes ou non, atopen, sempre que necesiten unha palabra amiga, a xente tan especial coma vós.
Bicos

MESTURAS said...

SI, é certo. É moi difícil. Ás veces estes rapaces e rapazas son os encargados de arranxar papeis para outros membros da familia, concertar citas médicas, facer de intérpretes para outras persoas que aínda saben menos do que eles saben. Falamos de culturas descoñecidas onde ata a linguaxe xestual é totalmente diferente. É realmente moi duro.

Anonymous said...

yo quero cantar y futbol. musica

Related Posts with Thumbnails