Wednesday, 25 February 2009

Alarma mosquito

A capacidade auditiva vaise perdendo coa idade : é a chamada presbicusia, ou atrofia paulatina do oído. Unha variante moito máis benévola deste trastorno é a incapacidade que, parece ser, sufrimos todos desde idades relativamente temprás para escoitar os sons moi agudos. Baseándose nesta circunstancia hai un par de anos saíu ao mercado británico un curioso artefacto que emite un pitido totalmente inaudible para unha persoa de, digamos, máis de 25 anos, pero que é realmente molesto para un neno ou un adolescente. O invento, coñecido como Mosquito ou Alarma Mosquito comezou a ser utilizado con grande éxito en Gran Bretaña por propietarios de comercios nos lugares que determinados grupos de adolescentes adoitan frecuentar os fins de semana para provocar pelexas ou destrozos. Na actualidade tamén se comercializa en USA e Australia. O seu uso, como é obvio, non está exento de bastante polémica, pero ata agora, é perfectamente legal en países como o Reino Unido.

Con todo, os adolescentes xa atoparon unha utilidade inesperada deste son tan peculiar: ven detectándose o seu uso nos tons dos teléfonos celulares, de tal xeito que en sitios onde os móbiles están prohibido, estes tons só serían audibles para as persoas máis novas, pasando totalmente desapercibidos para os adultos presentes. Curioso e desconcertante.

Queres comprobar a túa idade auditiva?. Preme no mosquito e se non podes escoitar claramente un desagradable pitido, chama a algún adolescente o a algún neno pequeno e verás como di que por favor apagues iso rapidamente , e mirará desconcertado se ti dis que apenas o podes escoitar.

Saturday, 21 February 2009

A masacre de Sabra e Shatila aspirante a Oscar

A guerra do Líbano e a masacre de Sabra e Shatila, en debuxos animados. O cineasta israelí Ari Folman atreveuse a facer da súa experiencia persoal no exército un documental de animación e recibiu recompensa. 'Vals con Bashir' non só gañou un Globo de Ouro, senón que aspira con forza a levarse o Oscar á mellor película de fala non inglesa.
Folman asegura que lle foi imposible realizar este documental con imaxes reais. O estrés postraumático que lle provocou o horror da guerra impídelle lembrar con exactitude os feitos, que no seu cerebro mestúranse con pesadelos.

Para lembrar un dos episodios máis sanguentos cometido contra refuxiados indefensos. Para lembrar o consentimento e máis que probable complicidade das autoridades israelís. Para lembrar o silencio culpable dos nosos gobernos.

Wednesday, 18 February 2009

Unha visita moi especial

Un auténtico pracer a visita dos pequenos do colexio Salvador Moreno. Non pararon de mirar, preguntar, tocar e nos deixaron con moitísimas ganas de máis. Haberá que repetir a experiencia.


Monday, 16 February 2009

“Tinta viva”

CRISDEF

Desde principios de curso, cando empezaron a vir pola biblioteca, os compoñentes do club de lectura do centro non deixaron de sorpendernos nin un momento. Non faltaron xamais a unha soa reunión, sen importar exames, nin o enorme traballo do final do trimestre (cónstanos que ata houbo algunha cita co odontólogo posposta para non perder a sesión): a verdade é que se algo hai que reprocharlles, é que ás veces len máis do convido.
Ata o momento este grupo de lectores entusiastas devoraron "O retato de Dorian Gray" de Oscar Wilde, "O vello que lía histoiras de amor" de Luis Sepúlveda. "O gato negro e outros contos de horror" de Poe, e están a rematar "A Estrada" de Corman McArthy. Fixeron comentarios interesantes, trouxeron e leron recortes de prensa onde se mencionaban noticias ou información relativas a estas obras e aos seus autores. Gozaron con algunhas edicións especiais que adquirimos para a biblioteca, pensaron o nome do club, deseñaron o logo do carnet e manteñen un foro sobre temas relacionados coa lectura cun nivel máis que notable, se temos en conta os seus 14-15 anos. Con eles aprendemos todos os días. Sen ir máis lonxe aí tedes eses adornos onde o motivo central é algún escritor famoso...
Queremos felicitar desde Mesturas a este grupo de mozos tan marabilloso, a Cristina, a única rapaza do club e á profesora Lidia que converte cada libro nunha aventura inesquecible


2518069917_fb7aed4110
2456393367_e5e6399e42

Tuesday, 10 February 2009

Kontuzdatos…

Parécenos interesante a iniciativa Kontuzdatos presentada en Euskadi para promover unha reflexión entre a mocidade sobre a importancia que ten a xestión axeitada e consciente da información privada e persoal difundida na rede. Cada día aumentan os casos de malas prácticas e as denuncias por vulneración de datos e uso e difusión inapropriados da imaxe e privacidade dos adolescentes.

s04-udcd_portada_es

Monday, 9 February 2009

Nova música islandesa. Parte I.

A finais do ano 2006 un grupo de cinco amigos observaba o remate do día a través da xanela: a evocación certamente telúrica dun fermoso Reykjiavík invernal espertou neles a necesidade de expresar as súas vivencias emocionais a través da música. Nacera Rökkurró. Pouco tempo despois, no ano 2007, editan o seu primeiro EP, época na que comenzan as súas digresións musicais por distintos escenarios islandeses. Nese intre o visionario selo 12 Tónar fíxase neles, fichándos e lanzando o seu primeiro longo, "Það kólnar í kvöld, komin í búðir!", no ano 2008. A música de Rökkurró afástase dos diferencialismos vogais de Sígur Rós ou Múm, entrando de cheo no terreo da canción de autor máis clarividente: a súa cadencia, de marcado acento pop, non agocha unha estrita querencia pola instrumentación acústica (cellos, acordeón, guitarras) e certo pouso naïf.

Dous Exemplos:


Ferðalangurinn


Í sjávarháska

Friday, 6 February 2009

Un día normal na vida de…

...un cidadán ou cidadá en Palestina. O malo é que a cotidianidade é isto: controis interminables colocados estratéxicamente entre os fogares e os centros médicos, as tendas, as escolas, as universidades... horas e horas soportando a diario vexames e decisións arbitrarias que dependen exclusivamente do "celo" dos soldados de quenda. Abofé que sempre é mellor ser humillado que bombardeado. É cuestión de afacerse.

Recomendamos vivamente o visionado deste video.
Axudaranos a soportar pacientemente calquera atasco, fila ou sá de espera.










Thursday, 5 February 2009

A desesperación dunha cidadá

cidadanía

Como ordenar todas as ideas e sentimentos que roldan no cerebro dunha profesora que leva xa unha chea de anos intentando transmitir e xerar pensamento nas clases ?

Cansazo, ilusión, ineficacia, deber, esforzo, racionalidade …

Cada vez que cruza a porta do aula sabe que ten unha responsabilidade como profesional do ensino e como membro da comunidade humana e que os seus problemas persoais teñen que quedar entre paréntese. As súas discrepancias con colegas, o mesmo que as dificultades materiais ou organizativas teñen que ser paliadas: quen lle esperan son persoas, non papeis, nin deseños, nin obxectos. A vida desas persoas, os seus alumnos e alumnas, aínda que teñan mellor ou peor día, máis ou menos interese, é nalgunha medida, responsabilidade súa.

Cotidianamente a profesora debería poder comezar o seu labor sen ter que facer unha xustificación ante si mesma, o alumnado e a sociedade destas formulacións que ten profundamente asumidas.

Con todo, no contexto actual, e en concreto cando imparte os contidos da materia Educación para a Cidadanía sente como algúns grupos sociais dubidan das súas intencións e considérana presunta manipuladora, vendida aos intereses dun partido e dunha ideoloxía. Parece que as demais materias, incluída Relixión Católica, son neutrais, os seus docentes están fóra de sospeita, pero ela ten que demostrar a súa inocencia nunha especie de xuízo continuado que vai cada día do aula á televisión e os demais medios. Hai contidos e valores que só os pais, quizais tamén as nais, poden transmitir aos seus descendentes, que ao parecer son só seus e non teñen nada que ver coa comunidade. Esta parece ser a idea que está detrás dos opositores a esta materia.

Decidirán algún día pasarse polas bibliotecas escolares e empezar a retirar todos os libros cuxos contidos ou valores non coincidan coas súas crenzas persoais? Decidirán queimalos despois nos patios dos centros educativos de modo que o seu fume purificador estenda un veo de ignorancia nas mentes das súas criaturas?.

Tuesday, 3 February 2009

Subsaharianas

Intentan chegar á península polas rutas do norte de África cara ao Estreito ou Canarias. Durante a viaxe, que adoita durar uns 3 anos de media ata que logran ingresar a España, o 76% queda embarazada polo menos unha vez.
Un estudo presentado pola organización Women's Link detectou que como consecuencia das vexames e o maltrato, hai unha media de 2,6 embarazos, e hai casos de mozas  quedaron encintas en ata 8 ocasións, como consecuencia das violacións sistemáticas por parte de policías e militares  ou  compañeiros de viaxe.
Traducido de El País

Non debemos preguntarnos onde estan as excelsas bases teóricas de semellantes aberracións?

Related Posts with Thumbnails