Thursday, 5 February 2009

A desesperación dunha cidadá

cidadanía

Como ordenar todas as ideas e sentimentos que roldan no cerebro dunha profesora que leva xa unha chea de anos intentando transmitir e xerar pensamento nas clases ?

Cansazo, ilusión, ineficacia, deber, esforzo, racionalidade …

Cada vez que cruza a porta do aula sabe que ten unha responsabilidade como profesional do ensino e como membro da comunidade humana e que os seus problemas persoais teñen que quedar entre paréntese. As súas discrepancias con colegas, o mesmo que as dificultades materiais ou organizativas teñen que ser paliadas: quen lle esperan son persoas, non papeis, nin deseños, nin obxectos. A vida desas persoas, os seus alumnos e alumnas, aínda que teñan mellor ou peor día, máis ou menos interese, é nalgunha medida, responsabilidade súa.

Cotidianamente a profesora debería poder comezar o seu labor sen ter que facer unha xustificación ante si mesma, o alumnado e a sociedade destas formulacións que ten profundamente asumidas.

Con todo, no contexto actual, e en concreto cando imparte os contidos da materia Educación para a Cidadanía sente como algúns grupos sociais dubidan das súas intencións e considérana presunta manipuladora, vendida aos intereses dun partido e dunha ideoloxía. Parece que as demais materias, incluída Relixión Católica, son neutrais, os seus docentes están fóra de sospeita, pero ela ten que demostrar a súa inocencia nunha especie de xuízo continuado que vai cada día do aula á televisión e os demais medios. Hai contidos e valores que só os pais, quizais tamén as nais, poden transmitir aos seus descendentes, que ao parecer son só seus e non teñen nada que ver coa comunidade. Esta parece ser a idea que está detrás dos opositores a esta materia.

Decidirán algún día pasarse polas bibliotecas escolares e empezar a retirar todos os libros cuxos contidos ou valores non coincidan coas súas crenzas persoais? Decidirán queimalos despois nos patios dos centros educativos de modo que o seu fume purificador estenda un veo de ignorancia nas mentes das súas criaturas?.

4 comments:

olga said...

Espero, de todo corazón que eses agoiro non se cumplan.
Espero, de todo corazón, que esto sexa só un nubeiro pasaxeiro.
Quenes levamos nesto do ensino algún tempo, sabemos que só hai que esperar que amaine o temporal.
Xa antes vimos persecucións semellantes ¿Alguén lembra o que sucedeu nos primeiros anos da Lingua Galega?
Pois eso: a esperar que se aburran de malmeter.

Anonymous said...

Dicen que non hai peor xordo que o que non quere oir e peor cego que o que non quere ver. Está claro que todo é manipulable e dende calquera asignatura, ámbito, política, xudicatura... pero o que tamén está claro que é (precisamente na docencia) onde tamén hai moitas persoas que loitan porque o espíritu crítico acampe nos corazóns do alumnado.
Sempre hai que traballar nese camiño.

GGuerra said...

Como ex-seminarista con moitos anos de prédicas, saiba esa profesora que terá sempre o meu apoio, ánimo e forzas para que continúe mostrando os camiños da tolerancia, da razón e do pensamento. Veña!!!

Anonymous said...

Parece que hai xente que quere volver a tempos pasados en que o profesorado era mero trasmisor duns contidos que xa lle viñan dados e non se podía opinar.Afortunadamente somos moita xente a que traballamos cada día para que as cousas cambien e penso que o estamos conseguindo. ¡Animo!

Related Posts with Thumbnails