Sunday 14 June 2009

Por que morren as linguas? II

A historia está plagada de defuncións lingüísticas. A marcha triunfal do imperio romano erradicou o etrusco da península itálica e contribuíu á eliminación do galo da Europa occidental. Con todo, o ritmo acelerado destes procesos na actualidade non ten precedentes. A comunicación global favorece e reforza o dominio e a selección de só as máis afortunadas e aínda que contamos cunhas 6.900 linguas faladas, os falantes nativos das 10 primeiras sumarían eles sós o 40% da poboación mundial
Os estados postcoloniais favorecen e promoven tendencias monoculturalistas: así temos un exemplo claro en Nixeria que só recoñece 4 das súas 400 linguas faladas. Son abundantes os exemplos en que todo tipo de presións económicas e urbanísticas aceleran e provocan procesos de marxinalización social asociados ás linguas minoritarias.
Múltiples factores políticos, económicos e sociais son a causa de que tantas linguas se extingan na actualidade. En xaneiro de 2008 a lingua Eyak converteuse na primeira lingua de Alaska que desapareceu ao morrer o seu último falante e o Jawoyn , desaparecido en xullo do 2007 converteuse na última dunha longa lista de linguas desaparecidas no continente australiano.

FONTE : ‘1,000 Languages’ by Peter Austin (Thames & Hudson, 2008)


AS DECISIÓNS POLÍTICAS AFECTAN O DECLIVE OU A BOA SAÚDE DAS LINGUAS EN PERIGO DO MESMO XEITO QUE AFECTAN Á CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO NATURAL O ARTÍSTICO

O GALEGO É XA UNHA LINGUA CATALOGADA COMO EN PERIGO POTENCIAL DE EXTINCIÓN. NON O PERMITAMOS. É A NOSA RESPONSABILIDADE.

7 comments:

Leo said...

Moi instructivo, Charo. eguramente reproducirei a entrada, co teu permiso.

Anonymous said...

Está claro que hai que loitar pola lingua igual que polo resto de dereitos que todos e todas posuimos.

Carmen said...

Moi boa esta publicación e moi explicativa do que nos está a pasar, parabéns. Co teu permiso vou facer un enlace no noso blog.

Marián said...

Estou totalmente de acordo co que se dí nesta entrada. Penso tamén que aínda que non tivese perigo algún de desaparición seguiría sendo inaceptable que non se coidase e potenciase a lingua dunha comunidade ou dun colectivo, xa que é unha forma de falar do mundo e dun mesmo. Se ademais dos trazos universais das linguaxes humanas cada unha ten trazos diferenciais temos o dereito a conservalos como a forma na que estamos e miramos o mundo. O que somos.

Tony River said...

Nunha profusión de optimismo, confeso que medidas como a da enquisa me rexuvenecen.
QUE VOLVA DON MANUEL!!!

charo said...

Cada día entendo menos esta enquisa perversa. É un completo despropósito que estamos a pagar con fondos públicos. Que tomadura de pelo máis atroz, o lamentable é que dentro de dúas semanas ninguén lembrará nada e seguiremos un pouco máis instalados no populismo e a demagoxia.
charo

Oki said...

Eu, que veño dunha comunidade sen lingua propia máis que o castelán, non podo entender este afán por parte de certos sectores da poboación en perder unha lingua fermosa que ten brétemas, dá bicos, fai voas ás bolboretas e berra para seguir viva aínda que moitos parecen non escoitar.

Related Posts with Thumbnails