Tuesday 4 December 2007

As mulleres que escriben tamén son perigosas


Despois do éxito de As mulleres que len son perigosas, aparece este As mulleres que escriben tamén son perigosas. É certo que probablemente existan outros libros onde se recollen biografías e abundantes estudos sobre a maioría delas, pero vai ser difícil resistirse a este formato tan suxestivo ao que nos ten afeitos o autor. Fala de mulleres que escriben, actividade reservada tradicionalemente aos homes, e sobre todo da difícil tarefa de superar estereotipos á que todas as mulleres deben enfrontarse, especialmente as mulleres creadoras para asumir as súas creacións con integridade. Primeiro hai que apartar capas e capas de prexuízos, do que se supón que os demais esperan delas e ver se queda algo ao rematar o proceso. Despois é necesario enfrontarse a decisión de compartir a propia epxeriencia cos demais, sen importar se determinados sentimentos van ser ou non do agrado doutros. Virginia Woolf o expresou perfectamente nunha época en que aínda se consideraba un xesto de soberbia que unha muller tivese a ousadía de dicir algo diferente ás estereotipadas historias infantís ou novelas excesivas e previsibles que se esperaban do seu colectivo: é o medo a expresar os propios sentimentos, a reacción ante as propias experiencias que adoitan diferir do que os demais esperan de nós, o que fai tan difícil achegarse ao acto de creación literaria honestamente. As mulleres que o intentaron ben merecen esta homenaxe, porque, como tantas outras noutros campos, fixeron máis doado o camiño.

Las mujeres que escriben también son peligrosas.Sefan Bollmann. Maeva. Madrid 2007.

1 comment:

O Segrel do Penedo said...

Fantástica noticia, xa temos un dos agasallos que nos faremos para este nadal. Asi foi o ano pasado...
Bicos dende Fene.

Related Posts with Thumbnails