Thursday 13 November 2008

As cruces nos camiños


Nestes días ándase a falar moito da recuperar a memoria e honrar os que foron asasinados na guerra do 36. Seica algunhas cruces nos camiños lembraban estes tristes feitos.
Xosé Manuel González mándanos esta foto desde Lobelle (Lugo) e cóntanos outra curiosa historia sobre as cruces. As cruces tamén se poñían nos cruces de camiños para que o demo non fixera das súas. Seica o "inimigo" acostuma deixarse ver nos cruces de camiños para tentar a xente e por iso poñían cruces xa que o demo non quere saber nada delas. Din que non atura estas tres cousas e por esta orde: as cruces, a auga bendita e que nomeen a Deus. Se temos unha Cruz xa non aparece o demo aínda que o chamemos como din que se chama cando se quere tratar con El: Nun cruce de camiños cun garrafón de viño e un xamón; primeiro déitase un pouco de viño no chan e logo empézase a comer xamón e beber, de vez en cando dise "se vés comes e se non vés non comes". Case sempre aparece con aparencia de bo mozo, alto e vestido con gabardina; seica só o delatan os pés, que se un se fixa moito (trata de escondelos) son de cabuxa. Come e bebe e fai tratos, que sempre cumpre pero a cambio quere almas, é capaz de dar riquezas e de facer obras coma pontes nunha soa noite; din que os cartos seica os fixo tamén el para que moita xente se condene por eles. Seguramente cando aparecían desgrazas nos lugares moita xente pensaba que podía ser obra del e como supoñían que andaba polos camiños poñíanlle cruces para que non puidera facer das súas. Algunhas veces seica sae a tentar na xente, pero se se fai un círculo no chan (mesmo cos pés) e te metes dentro xa te deixa en paz.

3 comments:

Anonymous said...

Non sei se os lectores de Mesturas saben que o profe Anxo aterroriza ao seu alumnado con lendas e contos coma este que escoitan do seguinte xeito: péchanse as persianas, apágase a luz, o alumnado apoia a cabeza sobre a mesa mantendo os ollos pechados... faise o total silencio e el empeza a falar. Algún día gustaríame ir a esas clases. que envexa....

O Segrel do Penedo said...

Anxo do Sanchéz Cantón
vaia profe máis osado!!
Disque con lendas e contos,
ao persoal ten asustado

Cando a noticia tivemos
destas xentes tan teimudas
Os GBI xa decidimos
ir de Roteiro a Mesturas.


Feliz Semana da Literatura de Tradición Oral!!!
Apertas dende Fene

Anonymous said...

Mi madriña! que versos... valen máis ca un título do cefore! Graciñas.

Related Posts with Thumbnails