Monday 17 November 2008

O cabalo e a morte

 

..
...E falando de lendas gústanos este artigo de Marcos Varcarcel aparecido en Galicia hoxe.

horses-gallop

.
O cabalo e a morte
Poucos animais tan unidos ó ser humano, dende tempos moi antigos, como o cabalo. Dende vello simboliza o poder, a velocidade, a nobreza. No mundo cristián, tamén o valor, mentres en Oriente se asocia ó lume e ó ceo. O cabalo negro é a cotío símbolo da morte. Hai varias lendas galegas que recollen este último sentido e cítaas Vítor Vaqueiro na súa Guía da Galiza Máxica. Se un cabalo tropeza cunha pedra, conta Mandianes, interprétase como petición de axuda dunha ánima, para que se rece por ela. En terras de Nogueira de Ramuín cita Afonso Monxardín o Camiño da Ponte, onde se aparece un cabaliño lanzal de gran brancura, que se achega a un valado para que as xentes o cabalguen, pero non o fan por medo. Unha historia semellante recolleu Risco en Congostro-Rairiz de Veiga, onde se aparece un pequeno cabalo moi fermoso diante dunha muller. Esta négase a falar con el e o cabalo retírase detrás duns amieiros, botándose a rir e desaparecendo: os campesiños pensan que se trata do demo. Nos traballos de X.Cuba, X. Miranda e A. Reigosa son máis vizosos aínda os acenos simbólicos do animal: cabalos de mouros, cabalos acuáticos, cabalo da fiaña, cabalo do vento e un longo etcétera.


MARCOS VALCÁRCEL

1 comment:

Anxo González Guerra said...

Nas fragasdo Eume vive un cabalo negro xigante cunha forza descomunal. Á tardiña, o enorme cabalo negro, dun só corno, galopaba pola caeira abaixo ata mergullarse no río. Sempre en liña recta e ao seu paso tronzaba toda a mesta vexetación que topaba e desaparecía. Aquel cabalo era un trasno. Era o demo ceibo da Fraga do Eume. Tirado de: E. Piñeiro e A. Gómez: “De Lenda en Lenda”. Ferrol, 1999.

Related Posts with Thumbnails