Pasamos bastantes minutos admirando esta magnífica páxina do CSIC co gallo do Ano da Diversidade. Gústanos ese lema que di “fala de biodiversidade porque algo comeza a ser importante cando falas delo”. Nada pode ser máis certo. Cada vez é máis necesario falar da biodiversidade, desa inxente e vizosa reserva de innumerables respostas fronte aos problemas e as circunstancias máis diversas. Este agasallo da natureza ten o seu espello na inmensa variedade de linguas coas que comunidades de falantes ben diferentes crean respostas aos seus peculiares universos e ao mesmo tempo, son configurados por elas. Por una destas afortunadas casualidades vemos a páxina do CSIC ao mesmo tempo que o excelente minireportaxe de Ben Falado no que se afirma que os procesos de renacemento linguistico están vivos e activos e que comezan a ter a protección dos estados nos 5 continentes. Será certo? Son as valiosas linguas minoritarias protexidas polas diferentes Administracións con medidas serias e rigorosas?. Vós diredes. Se ben é certo que falar é un primeiro paso necesario cando pensamos que algo é importante, non é menos certo que sen as correspondentes actuacións todo queda en campañas publicitarias máis ou menos efectistas e carentes de contido.
Sunday, 7 November 2010
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
1 comment:
Boa entrada, Charo!
Post a Comment