Tuesday, 2 November 2010

O tempo agasallado

Os días 29 e 30 de outubro celebráronse en  Santiago, no Pazo de Congresos, baixo o lema Variacións sobre a lectura os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia. Unha vez máis tivemos a ocasión de asistir ás interesantes reflexións dos expertos e ás non menos meritorias e magníficas propostas dos responsables de bibliotecas bibliotecas escolares que, día a día, fan destes recursos aínda por definir dende a Administración, espazos vivos e innovadores sen apenas ter horas oficiais para acadar os seus ambiciosos obxectivos. E é que a xa histórica reivindicación da creación da figura da persoa responsable das bibliotecas escolares segue sen ser atendida pola Xunta

Reproducimos a entrevista ao presidente da Asociación Galega polas Bibliotecas escolares e a Lectura (Agabel), Antonio Martínez, aparecida en Galicia Hoxe

"Avanzamos moito, pero nos temas clave estamos igual que cando empezamos hai dez anos, e iso produce xa certo esgotamento. A nosa principal reivindicación é que sexa regulado un tempo de dedicación ás bibliotecas, que estamos asumindo os profesores, na maioría dos casos, de xeito voluntario e sen redución da nosa carga de traballo". Así resume o presidente da da Asociación Galega polas Bibliotecas escolares e a Lectura (Agabel), Antonio Martínez, a situación no sector, que este fin de semana celebra en Santiago un encontro, Variacións sobre a lectura, que reúne a máis 1.000 persoas.

"É importante lembrar que foi AGABEL a que demandou a creación dunha asesoría de bibliotecas escolares e a que reclamou a posta en funcionamento dun plan de mellora das mesmas", sinala este colectivo no seu documento de reivindicacións. Entre os avances, sinalan os recollidos en diferentes normativas, como a LOE, que alude, por primeira vez, expresamente ás bibliotecas escolares, ou os plans e ectividades sobre a lectura realizadas polas consellerías de Educación e Cultura, que son "moitos", salienta Martínez. "Temos que pensar que non sempre o Ministerio marca uns vieiros aceptables e Galicia ten competencias de seu para establecer un marco normativo máis axeitado", engade o documento, que demanda a regulación do modelo de Biblioteca Escolar para todos os centros de ensino, a creación da figura da persoa responsable da biblioteca escolar cunha redución suficiente da súa carga lectiva e a formación precisa, a creación do Departamento da Biblioteca Escolar para garantir a asignación de recursos económicos en todos os centros; a inclusión de mobiliario "axeitado" no catálogo de equipamento da Consellería, a mudanza dos parámetros sobre superficies mínimas.

"Nalgúns aspectos os galegos estamos entre os mellores de España: por exemplo, no uso de internet: as bibliotecas teñen blogs, están nas redes sociais... O Plan de Mellora das Bibliotecas, que é galego pero tamén recibe apoio do Ministerio, é un referente a escala estatal, e cada vez inclúe máis centros. O Plan LÍA 2010-2015 polo momento está baleiro de contidos. Inclúe as actividades que xa viña facendo a consellaría, que son moitas. Pero o máis importante é que nos dean tempo para traballar nas bibliotecas", di.

2 comments:

Antonio Martínez said...

Grazas pola difusión. Ás veces non é doado identificarse cunhas poucas frases extraídas dunha longa entrevistas. Verémonos pronto.

MESTURAS said...

Grazas Toño. O título da entrevista é do máis expresivo. Paréceme perfecto. Tempo é o que precisas as bibliotecas escolares galegas. Non podemos facer do xeneroso agasallo dese tempo a nosa cotidianidade.

Related Posts with Thumbnails