Levamos días cunha conta atrás que moitos non soubestes adiviñar. Quizais porque todos e todas vós sabedes que unha data non significa o remate dunha peste, dunha lacra social. Que por riba dos nosos desexos está a crua realidade. 25 de novembro. Sabemos a historia deste día, sabemos que a muller é máis vulnerábel nas guerras, nos odios, nos enfrontamentos, na violencia. Sabemos tamén, como educadores que somos, de que o uso gratuíto da violencia como xeito de reafirmación persoal sobre outro é a manifestación máis lamentábel da ignorancia. Só aquel inseguro e con necesidade de amosar a súa posición agride sen motivo. De aí a importancia da educación, de formar aos mozos e ás mozas, ao noso alumnado por tanto, para combater de raíz as claves da existencia da violencia. Só dende a formación, dende a educación, seremos quen de combater contra ela. 25 de novembro. Dicimos NON á violencia contra a muller. Dicimos NON a calquera tipo de violencia. En todos os países medran as denuncias de vítimas de violencia de xénero, nalgúns casos un 400% máis que hai dez anos. Mentres a policía detén maltratadores e os xuíces ditan ordes de afastamento, a mutilación xenital, un tipo de violencia contra a muller, xera novos hábitos nos hospitais. Algúns grupos de mulleres son particularmente vulnerables á violencia: as mulleres pertencentes a minorías, as mulleres indíxenas, as refuxiadas, as inmigrantes, as mulleres que habitan en comunidades rurais ou remotas, as mulleres indixentes, as mulleres recluídas en institucións ou detidas, as nenas, as mulleres con discapacidades, as anciás e as mulleres en situacións de conflito armado. 25 de novembro Porque todo tipo de discriminación é violencia, non o esquezamos. O maltrato pode ser psíquico, físico, pero é maltrato. As vexacións, os acosos, as desigualdades, son maltrato. E porque pretendemos e queremos un mundo de iguais, estamos hoxe aquí, unha soa voz, un único berro en contra da Violencia contra as mulleres.
Saturday, 24 November 2007
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
No comments:
Post a Comment