Pontevedra, de sempre, foi unha cidade moi vencellada ao mar. No século XV e XVI foi, xunto con Santiago, unha das vilas máis poboadas de Galicia. O seu pulo económico procedía fundamentalmente da pesca da sardiña ainda que tamén destacaba no comercio internacional de produtos vendendo e transportando viño do Ribeiro e madeira a cambio de importar sal e tecidos. Todo este movemento tiña como escenario o peirao da Moureira. Un barrio extramuros, habitado por pescadores, que se estendía dende a ponte do Burgo ata a desembocadura do río Gafos, no barrio de San Roque. Os historiadores locais distinguen tres zonas: a Moureira de Arriba, a Moureira da Barca e a Moureira de Abaixo. As imaxes que podes contemplar son fotografías de comezos do século XX nas que queda moi evidente a vocación mariñeira de Pontevedra. Podes observar tamén a maior amplitude do estuario do Lérez, recurtado na actualidade polo malecón de circunvalación. Recuperar o río e a ría son sen dúbida obxectivos da actual política urbana e medio ambiental. Temos na cidade elementos naturais aos que non se lle pode dar as costas. De nós depende a súa posta en valor.
A maioría das fotografías proceden das seguintes publicacións
Pueblos de Galicia. Pontevedra. Monterrey de Ediciones. Ames
A memoria de Pontevedra. Carlos Díaz. Xosé Fortes. Victor Freixanes. Xerais
1 comment:
Moitos coincidimos en que temos unha cidade que non nos merecemos, unha preciosidade. Gozamos dunha calidade de vida que para si quixeran os urbanitas das grandes cidades: ir andando ao traballo, tranquilidade, gastronomía a bo prezo e escollida, praias a un paso, xente agradable e cordial, e tantas outras. Grazas, Mesturas, por estas fotos que nos achegan a Pontevedra que non coñecemos os nados na terra luguesa. Moi bonitas.
Post a Comment