Friday, 30 November 2007

Germán Díaz-PI




Pi é un conxunto de puntos cunha propiedade común, a música, ou o que se denomina un lugar musical. Tódolos puntos equidistan da música das manivelas, do órgano de barbaria e da caixa de música, que son o centro, definindo a denominada circunferencia de música mecánica. A distanza común, ou radio, é a improvisación.

Polo tanto, Pi é igual ao perímetro da música mecánica, dividido polo dobre da improvisación....

Se vostedes non o cren... calculen!


Con esta auténtica declaración de principios sónicos rotula o vallisoletano Germán Díaz o seu novo proxecto discográfico, PI. Nacido na capital castellana no ano 1978, Germán Díaz é xa, a estas alturas, unha das personalidades musicais e creativas máis apaixoantes do actual panorama peninsular. De marcada vocación clásica, estudou zanfona cos máis grandes do folk e do jazz europeos, entre eles Charles Chabenat e Pascal Lefreuve, ademais de especializarse en filoloxía clásica. Dende hai anos dirixe e coordina o selo Produccines Efímeras xunto a Fernando Fuentes, ademais de formar parte de bandas tan excitantes coma o Rao Trío ou o máis actual Marisco Fresco.

Instrumentos mecánimos, luminosidade melódica, creación e versatilidade. Imprescindible
.

Tuesday, 27 November 2007

Prensa RSS


Como contrapunto á entrada de Antonio na Nosa Biblioteca aquí podedes botar unha ollada a unha prensa actualizada usando tecnoloxía RSS. É unha nova forma de presentar as noticias visualmente moi efectiva: por bloques de contido con cores diferentes. Le os feeds de Google e o tamaño de cada bloque depende do número de entradas que teña esa noticia. Inclúe dez países diferentes entre eles España( en español). As cores dos bloques corresponden a temas diferentes , internacional, nacional, temas económicos... Colocando o rato encima dos bloques podes ver o número de artigos relacionados. Facendo clic nos bloques pódense ver os artigos máis recentes. Tamén podes xogar coa posiblidade de acceder a artigos dun só tema ou noticias dun só país xogando coas pestanas que aparecen nos bordes do panel. Necesitades ter Flash instalado Paga a pena botar unha ollada.

Sunday, 25 November 2007

Camiño á esperanza

As mulleres, debido á súa condición de nais e viúvas, manteñen unha relación particularmente emocional cos conflitos bélicos, é dicir, coa dor. E tamén coa esperanza. Esta é a opinión da fotógrafa Jenny Mathews, que durante anos traballou para plasmar como mulleres de diferentes partes do mundo sobreviven e viven a pesar das guerras.
"Tal vez non haxa muller que poida mirar un campo de batalla cuberto de morte sen que xurda no seu interior un pensamento: tantos fillos de tantas nais!. Tantos meses de fatiga e dor mentres os músculos e os ósos se forman dentro dela...!Tantas horas de loita e angustia para crear ese pequeno alento de vida". Ningunha muller, ningunha despreza ata ese punto un corpo humano ". Olive Shreiner.


Pero tamén, agora que xa pasou o necesario día 25 de novembro queremos volver reivindicar o papel positivo das mulleres como motor de cambio na sociedade, mesmo nas áreas máis desfavorecidas, como as da África subsahariana, estas funcións son cada vez máis visibles.

"A temática sobre mulleres vén centrándose tradicionalmente en análises que de cotío enfatizan demasiado a súa situación de marxinación e opresión. No caso das mulleres africanas, esta percepción vólvese en extremo desgarrante. Neste senso, é curioso e desalentador constatar que, aínda desde as institucións relacionadas coa axuda ó desenvolvemento, insístese nunha aproximación ó tema que trata as mulleres máis como un problema que como un piar fundamental no proceso de reestructuración das sociedades africanas. En consecuencia, e sen por iso ignorar as terribles experiencias que sofren moitas mulleres ó sur do Sahara, faise absolutamente necesario resgatar o magnífico aporte destas protagonistas silenciosas que, en definitiva, posibilitan a supervivencia da maioría dos fogares do continente negro. É neste contexto no que se inserta a idea das mulleres como principais creadoras dun futuro esperanzado para a África subsahariana".
“La mujer africana. Mito y realidad”. Luis Mora. Verónica Pereyra.


Para máis información sobre o papel das mulleres nos conflitos armados podedes ver a correspondente sección na páxina do centro.
.....
....
.......
Temos o libro "Mujeres y guerra" de Jenny Mathews no vestíbulo do instituto

Saturday, 24 November 2007

25 de Novembro. Data tope

Levamos días cunha conta atrás que moitos non soubestes adiviñar. Quizais porque todos e todas vós sabedes que unha data non significa o remate dunha peste, dunha lacra social. Que por riba dos nosos desexos está a crua realidade. 25 de novembro. Sabemos a historia deste día, sabemos que a muller é máis vulnerábel nas guerras, nos odios, nos enfrontamentos, na violencia. Sabemos tamén, como educadores que somos, de que o uso gratuíto da violencia como xeito de reafirmación persoal sobre outro é a manifestación máis lamentábel da ignorancia. Só aquel inseguro e con necesidade de amosar a súa posición agride sen motivo. De aí a importancia da educación, de formar aos mozos e ás mozas, ao noso alumnado por tanto, para combater de raíz as claves da existencia da violencia. Só dende a formación, dende a educación, seremos quen de combater contra ela. 25 de novembro. Dicimos NON á violencia contra a muller. Dicimos NON a calquera tipo de violencia. En todos os países medran as denuncias de vítimas de violencia de xénero, nalgúns casos un 400% máis que hai dez anos. Mentres a policía detén maltratadores e os xuíces ditan ordes de afastamento, a mutilación xenital, un tipo de violencia contra a muller, xera novos hábitos nos hospitais. Algúns grupos de mulleres son particularmente vulnerables á violencia: as mulleres pertencentes a minorías, as mulleres indíxenas, as refuxiadas, as inmigrantes, as mulleres que habitan en comunidades rurais ou remotas, as mulleres indixentes, as mulleres recluídas en institucións ou detidas, as nenas, as mulleres con discapacidades, as anciás e as mulleres en situacións de conflito armado. 25 de novembro Porque todo tipo de discriminación é violencia, non o esquezamos. O maltrato pode ser psíquico, físico, pero é maltrato. As vexacións, os acosos, as desigualdades, son maltrato. E porque pretendemos e queremos un mundo de iguais, estamos hoxe aquí, unha soa voz, un único berro en contra da Violencia contra as mulleres.

video

Friday, 23 November 2007

Máis Bibliotecas de Babel


Para ter máis información destas marabillosas bibliotecas, atopamos esta ligazón ao blog Curious Expeditions, un sitio ideal para os viaxeiros de sillón, onde ademais de poder admirar outras moitas, podedes ver o nome de todas elas e onde están situadas, por se cadra unha visita...
Por certo, a biblioteca da entrada anterior, como agora podedes ver, é o Real Gabinete Portugues De Leitura Rio De Janeiro, Brazil.

Bibliotecas de Babel



Recollemos esta fermosa cita de Borges que nos chega via o blog a través del Uniberto.

"(...)Para localizar el libro A, consultar previamente un libro B que indique el sitio de A; para localizar el libro B, consultar previamente un libro C, y así hasta lo infinito... En aventuras de ésas, he prodigado y consumido mis años. No me parece inverosímil que en algún anaquel del universo haya un libro total; ruego a los dioses ignorados que un hombre - ¡uno solo, aunque sea, hace miles de años! - lo haya examinado y leído. Si el honor y la sabiduría y la felicidad no son para mí, que sean para otros. Que el cielo exista, aunque mi lugar sea el infierno (...)"
Jorge Luis Borges (Fragmento de "La biblioteca de Babel").

É verdade que o papel das bibliotecas e dos proprios libros está a ser revisado pero o que ninguén pode poñer en dúbida é que hai poucos lugares nos que sintamos esa maxia tan peculiar que nos atrapa e se agolpa nos centos de andeis das vellas e fermosas bibliotecas onde durmen milleiros e milleiros de libros esperando por eses lectores que talvez non os volvan reclamar. Acabamos de atopar estas impactantes imaxes dalguhas destas vellas raíñas do mundo bibliotecario que aínda conservan todo o seu esplendor e dignidade..

Thursday, 22 November 2007

Grupo de profes do Sánchez visita exposición en Pontecaldelas

Un grupo de profesores do Sánchez Cantón pasaron hoxe pola Casa da Cultura de Ponte Caldelas e entraron a ver o Premio Antón Fraguas 2006. Que preciosidade o traballo que fixeron no IES de Ponte Caldelas (parabéns a todos, especialmente aos ex-profes do noso instituto Humberto e Cristina). Paráraronse a ver todo polo miúdo e aprenderon moitas cousas; por exemplo, ningún sabía ben o que eran os torreiros, agora xa o saben. Veñen todos contentos e recomendando a visita a quen pillan por diante.

Máis teatro


O alumnado de Literatura Galega do século XX están de sorte. Non só poden asistir ao 2º Obradoiro de Narrativa, hoxe tamén foron ao teatro, nada menos que un clásico da literatura universal: O burgués fidalgo de Molière. Ao saíren quixeron renderlle homenaxe ao autor de Os vellos non deben de namorarse, que estiveron lendo na clase, e retratáronse con Castelao.

Wednesday, 21 November 2007

O mal da mocidade

Subimos esta entrada tal como a escribiu a nosa querida ex-alumna Fátima Peón no seu blog. Non fai falta dicir que estamos de acordo con todo o que nela se expresa. Mil grazas Fátima.
"O mal da mocidade" é o título dunha peza teatral. Tanto esta obra coma outra do mesmo autor, Ferdinand Brückner, chamada "Razas", foron escritas no contexto social dunha Alemaña rexida polos daquela triunfais e todopoderosos Nazis, e falaban dunha mocidade perdida e irresponsábel que baseaba o seu devenir na violencia, a autodestrucción e a incapacidade de comprender ao outro. Nesta "O mal da mocidade", a enfermidade non era en sí mesma a imposibilade de reter a beleza e a inxenuidade ó medrar, senón a ineptitude total daqueles mozos accidentalmente nazionalsocialistas no tocante a facer un esforzo por poñerse no lugar dos demáis, a ter unha visión clara do seu papel nun devenir histórico no que a súa inactividade foi tráxica e determinante.
Veume a cabeza todo isto ao ver hoxe en Público esta fotografía, á que só se lle pode poñer o calificativo de ridícula e discordante. Estes mociños -son nenos, mírenlles ben os granos-, son, como os personaxes da obra de Brückner, víctimas de sí mesmos, da súa incapacidade para a solidariedade, a tolerancia e o amor a algo que non sexa un mesmo. Porque por moitos monstros de pais que teñan detrás, sempre temos a opción de cuestionarnos o que facemos, ou o que nos fan facer. A súa traxedia é a de non saber apreciala propia vida. Imberbes, inxenuos, hedonistas e alienados, ignoran que ondean un símbolo de horror, crime e vergoña.

Ou peor aínda: sábeno ben, e asumen, coa lixereza de quen leva unhas gafas de marca, todo o delirio do seu mal.

Tuesday, 20 November 2007

Lila Downs en Pontevedra: todo un luxo

Non cabía ninguén máis no Pazo de Pontevedra o Sábado pasado para ver a Lila Downs. Conquistounos a todos e, por suposto a todas, o racho desta gringa mexicana que, segundo ela asegura, é estranxeira nas dúas patrias, a do seu pai e a da súa nai. Pode que desta convicción de desarraigamento naza a fusión que interpreta maxistralmente co seu incrible rexistro de voz. Consegue entusiasmar con temas tan manidos como La Llorona, Sandunga e emocionar cos fermosos e tristes versos de La Martiniana. Defensora de baixar aos infernos das cantinas mexicanas para coñecer aos teus fantasmas e poder derrotalos, comprometida coas mulleres desaparecidas e asasinadas en Juárez, cos sufrimentos da emigración, autora da música de Frida, pola que foi galardoada cun Grammy, políglota, licenciada en antropoloxía... e un auténtico monstro no escenario. Con razón, o público despediuna de pé, entusiasmado cun concerto inesquecible que soubo a poquísimo.


free music

Monday, 19 November 2007

Un ano no xeo

Falando da Antártida, temos unha coleción de 10 DVDs do trinque adquiridos polo Departamento de Ciencias Naturais sobre ecosistemas e outros moitos temas. Mañá haberá un pase de "Unha verdade incómoda" na biblioteca para alumnado de bacharelato. Tamén tedes o libro do mesmo título para botar unha ollada. E, de paso podedes ver este curioso video que resume un ano de vida na Antártida nuns 5 minutos. É moi interesante e permítenos observar fenómenos meterorolóxicos que se producen só naquelas latitudes. ¿Sabiades que o sol está por debaixo da liña do horizonte durante 4 meses en inverno e por enriba durante outros catro meses en verán? iso significa que en inverno nunca é completamente de día nin en verán de noite. Só os meses intermedios teñen dias máis ou menos normais. Nesta outra ligazón podedes ver máis videos do mesmo autor. Moi curiosos...

Wednesday, 14 November 2007

A Antártida: o sétimo continente

É máis árido que o deserto de Sahara e ten as temperaturas máis baixas do planeta. A súa altura media é de 2.500 metros sobre o nivel do mar, tres veces a altura media de calquera outro territorio. É máis grande que Europa e Australia. Ao redor do 99 por cento do seu territorio está cuberto de xeo podendo alcanzar os 4,770 metros de espesor. Contén o 90 por cento de todo o xeo do planeta. Contén a maior reserva de auga doce da Terra. Se a capa de xeo se derretese completamente, todos os océanos se elevarían aproximadamente 70 metros por encima do seu nivel actual. Inflúe nos cambios climáticos de todo o hemisferio sur. É o único continente que permaneceu descoñecido para o home xa que os seus primeiros exploradores apareceron recentemente hai 200 anos. O seu clima inhóspito é a causa de que non se coñeza a existencia de ningunha vida humana autóctona.

Esta pequena escolma de ligazóns procede da moi interesante páxina Discovering Antarctica. Son un agradable paseo por ese continente que ninguén estuda na escola. En inglés moi, moi sinxelo.

01 - Making a trailer Elixe unha escena e ponlle música.
02 - Wilderness challenge – Que sabemos da Antártida?
03 - Sizing up Antarctica – Temos idea do tamaño real deste continente?
04 - Who's eating who? – Quen come a quen por alí.
05 - Who's looking at you? Podes identificar estes animais?
06 - What (not) to wear – Podes pór as roupas para combater o frío extremo na orde correcta?
07 - Avoiding footprints – Bota unha ollada aos sitios máis populares que están empezando a se degradar pola falta de coidado dos visitantes.




Podedes ver uns videoclips moi ilustrativos e máis imaxes aquí

Tuesday, 13 November 2007

Feismo, destruir un país


Feísmo: Destruír un país. A fin do territorio humanizado: un novo intracolonialismo.
Adxuntamos reseña
"Que é realmente o feísmo, de onde vén e até onde chegan as súas consecuencias? Hai moitos feísmos diferentes? É un fenómeno único ou multipolar? Despréndese dunha situación socio-política? Aliméntase de orografías imposíbeis? Pódese rastrexar historicamente? É endémico ou inducido? Coñecemos outras sociedades que o padezan? Debe chamarse feísmo? Todas estas preguntas e outras moitas foron tratadas no Foro do Feísmo, nunha tentativa de reflexionar sobre o problema na súa magnitude, para avaliar o «estado da cuestión».
Este volume ábrese co resultado dun traballo de campo con fotografías a cargo de Alba Vázquez Carpentier sobre a situación do noso territorio, con imaxes tomadas en diversos lugares de Galiza, agrupadas tematicamente, coa intención de ofrecer distintos modelos de paisaxe existentes no país e distintos graos e modos de entender o chamado feísmo.
A segunda parte do libro constitúena as contribucións de cada un dos participantes no Foro do Feísmo, así como a transcrición dos debates xerados nel. Déixase constancia así de máis de once horas dun interesantísimo intercambio de ideas que supón un primeiro paso na análise das agresións ao territorio no noso país".

Por se alguén quere botar unha ollada, este libro estará no expositor de Autopréstamo, como xa sabedes no vestíbulo do centro. Moi ben deseñado, cun formato moi atractivo e de contidos sumamente interesantes

Friday, 9 November 2007

Libros e perspectivas

Unha curiosidade estes mundos tridimensionais do artista británico Patrick Hughes. Andeis e máis andeis desbordantes de libros que semellan non querer confundirnos, aínda que o fan, senón achegarnos e abrirnos as portas a outras realidades apenas percibidas.

Thursday, 8 November 2007

Mbudi Mbudi na mangha



Queremos recomendar un libro que acabamos de adquirir para a biblioteca. Trátase da obra Mbudi Mbudi na mhanga do etnomusicólogo e investigador Polo Vallejo. Deixámosvos a súa páxina persoal onde podedes atopar información sobre a seu curriculum e sobre o libro que acabamos de recomendar. Tamén escoitar algúns pequenos fragmentos da súa obra. De verdade que paga a pena.

Tuesday, 6 November 2007

Pontevedra mariñeira

Pontevedra, de sempre, foi unha cidade moi vencellada ao mar. No século XV e XVI foi, xunto con Santiago, unha das vilas máis poboadas de Galicia. O seu pulo económico procedía fundamentalmente da pesca da sardiña ainda que tamén destacaba no comercio internacional de produtos vendendo e transportando viño do Ribeiro e madeira a cambio de importar sal e tecidos. Todo este movemento tiña como escenario o peirao da Moureira. Un barrio extramuros, habitado por pescadores, que se estendía dende a ponte do Burgo ata a desembocadura do río Gafos, no barrio de San Roque. Os historiadores locais distinguen tres zonas: a Moureira de Arriba, a Moureira da Barca e a Moureira de Abaixo. As imaxes que podes contemplar son fotografías de comezos do século XX nas que queda moi evidente a vocación mariñeira de Pontevedra. Podes observar tamén a maior amplitude do estuario do Lérez, recurtado na actualidade polo malecón de circunvalación. Recuperar o río e a ría son sen dúbida obxectivos da actual política urbana e medio ambiental. Temos na cidade elementos naturais aos que non se lle pode dar as costas. De nós depende a súa posta en valor.

A maioría das fotografías proceden das seguintes publicacións

Pueblos de Galicia. Pontevedra. Monterrey de Ediciones. Ames

A memoria de Pontevedra. Carlos Díaz. Xosé Fortes. Victor Freixanes. Xerais

Monday, 5 November 2007

Matemáticas cotiás


"Magnífico traballo o de Antonio Pérez Sanz, tanto con esta serie 'Universo matemático' como con 'Más por menos', acercando de forma comprensible e acertada moitos temas matemáticos. Entre eles temos este vídeo de "Mulleres matemáticas". Desgraciadamente na historia desta ciencia moi poucas mulleres adquiren certa relevancia, e incluso algunha delas (como Sophie Germain) para conseguilo tivo que se facer pasar por home.Pero queda moito, moitísimo camiño por andar, aínda na actualidade estamos moi atrasados en canto á cantidade de mulleres matemáticas investigadoras. Iso si, hoxe en día existen máis mulleres que homes que estudan esta carreira.Recordo a seguinte anécdota sobre Einstein: Paul Erdös presentáballe a Peter Lax, dicindo: "Dr. Einstein, preséntolle a este talentoso matemático húngaro". Einstein replicou: "¿Por qué ten que mencionar vostede o de húngaro?". Quizais algún día poidamos prescindir dese engadido da nacionalidade. Quizais algún día poidamos prescindir do engadido do sexo. Quizais algún tan só importe o talento e o traballo. Ogallá."
Queremos reproducir aquí o comentario de CADOI ao post de onte. CADOI é un brillante matemático recén saído da facultade, por iso valoramos tanto a súa opinión. Por iso e pòrque sabemos que tamén ten interese noutras moitas cousas... Ao fío disto, cantas veces nos preguntamos se vale para algo o que estudamos. Vale para algo a lectura? Valen para algo as matemáticas se xa temos móbiles con calculadora e computadoras que o fan todo? Para que estudar tanta matemática se con aprender a usar estes aparellos xa chega? Pero o certo é que as metemáticas están en todo... e senón vexan esta bitácora que nos recomenda CADOI: É francamente interesante

Saturday, 3 November 2007

Mulleres matemáticas


As mulleres aparecen na historia das matemáticas xa na antigüidade, e desenvolven hoxe unha actividade matemática maior que nunca. Por que, entón, non se citan mulleres matemáticas anteriores ao século XX? As razóns son un conxunto de barreiras sociais e culturais impostas, entre as que poderiamos citar, entre outras, as actitudes negativas que dubidaban das súas capacidades para a ciencia (por poñer algúns exemplos o filósofo Kant chegaba a dicir que era tan posible que unha muller tivese barba como que sentise preocupación pola xeometría; o matemático De Morgan consideraba as mulleres débiles e sen preparación física para actividades científicas),


Podedes imaxinar que chegaron a aparecer datos médicos que sinalaban que unha muller que pensase demasiado podía sufrir desviacións do sangue desde o aparello reproductor cara ao cerebro?.

O papel social que lle veu sempre imposto (criar fillos, cociñar, coser, coidar da familia...), fixo imposible que unha muller pensase sequera en iniciar o arduo e difícil camiño de chegar a tomar contacto con matemáticas superiores; ata logo da 1ª guerra mundial, era normal que a muller non puidese acceder a postos universitarios...
Podedes botar unha ollada a este vídeo que nos chega vía o blog Iguales en las 3000

Friday, 2 November 2007

Panocomic



Todo un descubrimento para a fin de semana. Podemos ser testemuñas do monólogo dun mozo namorado de Rio de Janeiro, malia todas as súas miserias e traxedias cotiás, mentres espera os seus amigos e contempla como cae a noite sobre a cidade desde a fiestra do seu apartamento. Cómic debuxado por Özi nunha soa viñeta coa orixinalidade de compoñer unha panorámica moi efectiva que se vai facendo visible a vontade do visitante. Unha idea excelente. Paga a pena unha visita.
via El País

O blog de alguén do Sánchez


."Manter un animal para comelo non está ben, aínda que troquémo-la súa carne na nosa propia carne; pero manter con agarimo un animal para levalo dispois á feira, paréceme unha mostra da ruindade humán. Un día de feira! Diñeiro, xuramentos falsos, meter burro por cabalo, comidas con pimento, pan reseso, viño cativo, tabernas acuguladas....A leda bullanga das feiras é tan mintireira como son as carantoñas do antroido, pois debaixo da ledicia hai tristura nos que venden e medo nos que mercan. O día de feira todos van de raposos e ninguén leva o corazón no peito, porque todos coidan que a xente de ben perde diñeiro nos tratos"...


Así empeza a primeira entrada de Enchente, o blog de alguén deste centro. Empezas forte con esta primeira entrada tan ben escrita. A partires de agora xa tes algúns lectores máis...

Related Posts with Thumbnails