Thursday, 29 May 2008
Norma
Parece que acaba de saír a poxa unha gravación cunhas escenas inéditas de Marilyn Monroe durante a rodaxe de The Misfits (Vidas rebeldes), con Clark Gable. Hai pouco escoitabamos o relato das súas desavenencias con Sir Lawrence Olivier cando se empeñou en producir personalmente unha película para non ter que desempeñar o papel de loura parva que sempre lle asignaban e viaxou a Londres co seu marido de quenda, o escritor Arthur Miller. A rodaxe de "O príncipe e a corista" foi un pesadelo porque ela estaba xa moi perturbada e as crises eran frecuentes. Hai só uns meses oímos dun libro que conta as últimas sesións co seu psiquiatra pouco antes do seu ¿suicidio?. Pero o que vos ofrecemos hoxe son estas imaxes da doce Norma Jeane moito antes de ser famosa. Cando era só unha rapaza que aínda botaba de menos a súa nai...
Etiquetas:
CINE
Wednesday, 28 May 2008
Nostalxia
Pecha o mítico cine Palacio de la Música da Gran Vía de Madrid. Para quen pasamos a infancia en cidades pequenas próximas á gran urbe e perpetuamente anuladas por ela, cidades "de provincias", denominación que sempre nos pareceu case un insulto, ir ao cine en Madrid constituía unha ocasión especialísima que as nosas familias só de cando en vez se podían permitir. Eses espazos inmensos, cos seus palcos e grandes cortinas que só deixaban ver a enorme pantalla cando empezaba a función, nada tiñan que ver cos pequenos cines onde pasabamos as tardes de domingo. Case 500 cines había en Madrid dos que só quedan 20 no centro. Corren a mesma sorte noutras cidades: volvémonos cómodos e preferimos o videoclub da esquina ou a área comercial onde ademais de ver a película, de paso, podes ir ao supermercado ou botar unha ollada á roupa da nova tempada.
Apetécenos hoxe un paseo nostálxico por esta selección de boas películas. De ningún modo nos atrevemo a dicir que son as 100 mellores porque, coma sempre, toda selección é máis que subxectiva.
Etiquetas:
CINE
Tuesday, 27 May 2008
Videocreación musical e arte
Mañá celebramos a primeira sesión de MERCA aRS CONSTRUCTOR na Biblioteca. Estamos totalmente desbordados e asombrados polo número e calidade de intervencións do alumnado participante no foro e desde Mesturas queremos felicitar a todas as persoas que de forma tan entusiasta e cun nivel tan sorprendente aceptastes participar nesta actividade. Estamos a facer un listado con todo o material aportado para que sexa máis visible aos visitantes do curso. Aproveitamos a entrada para publicar unha das intervencións no foro do profesor Lois Atanes, o noso crítico musical de luxo que xa aceptou seguir sendo colaborador de Mesturas no futuro e a quen non pensamos deixar escapar. Grazas Loís por todas as túas valiosas achegas e tomámosche a palabra no das colaboracións virtuais.
.
.
"Outra das actividades produtivas que poderiamos analizar é a da videocreación e, dentro dela, a da videocreación musical. Este xénero, nacido oficiosamente no ano 1975 grazas á estrea deste clip de Queen, trascende calquera categoría escénica reducionista para se converter nunha simbiose de tendencias e disciplinas: pintura, cine, infografía, animación... Alén do simple concerto filmado, o videoclip, en tanto proposta creativa, debe respectar unha serie de regras: certa estética musical, unha boa planificación narrativa, un -en ocasións- coidado deseño de produción...todos eles elemmentos indispensables para poder contar un relato consistente en poucos minutos. Isto é, aínda que a industria discográfica bote man dos videoclips para promocionar os seus produtos, non todos van ter a categoría de videocreacións de calidade. En palabras de Michel Gondry, un dos grandes realizadores deste xénero, coñecido tamén polo seu traballo como cineasta: " Creo que o que me impulsou a me involucrar nos videos musicais foi esa posibilidade de contar pequenas historias que, aínda que non sexan narradas a través de palabras, sempre teñen unha continuidade".
Propoñémosvos unhas cantas mostras. A primeira, un dos videos máis premiados dos últimos anos, Sledgehammer, de Peter Gabriell, dirixido por Stephen Johnson. Este clip abriu un mundo de posibilidades, grazas sobre todo á experimentación coa animación stop-motion.
A segunda, unha das moitas marabillas rodadas polo mencionado Michel Gondry, around the world, para Daft Punk.
E para rematar, dúas máis: o xogo de texturas escénicas que Jonathan Glazer concebiu para o tema street spirit de Radiohead, ademais do apacible, frío e saudento uso da animación infográfica para o green grass of tunnel, dos islandeses Múm".
A segunda, unha das moitas marabillas rodadas polo mencionado Michel Gondry, around the world, para Daft Punk.
E para rematar, dúas máis: o xogo de texturas escénicas que Jonathan Glazer concebiu para o tema street spirit de Radiohead, ademais do apacible, frío e saudento uso da animación infográfica para o green grass of tunnel, dos islandeses Múm".
Lois Atanes
Etiquetas:
ACTIVIDADES,
ARTE,
AULA VIRTUAL
Sunday, 25 May 2008
Veleno tinto
Naquela mañá de inverno de 1319, Frei Samuel, o humilde monxe sandador do mosteiro de Toxosoutos, camiñaba cara a Noia cunha dor de frieiras que case o facía chorar. No castelo de don Rui de Soga de Lobeira, agardábao o bispo Berenguel de Landoire coa intención de agradecerlle un impagable servizo que o freire lle ofrecera na súa loita contra os que pretendían apartalo do bispado de Compostela. Mais, a morte dun dos criados de don Rui, envelenado por beber dunha xerra de viño quente, obrigará ao pícaro e intelixente freire a realizar unha concienciuda investigación coa intención de coñecer o motivo e o autor de semellante crime. (Resume da contraportada)
Velaquí unha novela de intriga protagonizada por un curioso e mundanal frade medieval nas terras de Noia. Esta novela da colección Fóra de xogo lese dun tirón e non está gobernada por un grupo adolescentes investigadores, nin aparecen aquí, a diferenza de tantas outras. A pesar diso poden lela os adolescentes e pasarán un bo rato.
Etiquetas:
LITERATURA GALEGA,
RECOMENDACIÓNS
Friday, 23 May 2008
Actividades de sendeirismo e orientación
Outra actividade de sendeirismo e orientación, esta vez para o alumnado de 3º ESO. Saíron moi dispost@s a pasar unha xornada diferente ás 9 da mañá en dirección a Monteporreiro.
Alí, como podedes ver, fixeron este paseo tan marabilloso e descoñecido para moitos habitantes de Pontevedra que recomendamos para aqueles que saiban valorar o entorno tan privilexiado que temos a un paso das nosas casas.
Subiron pola marxe esquerda pasando por varias zonas de muíños e rápidos. O regreso fíxose pola marxe dereita, polos sendeiros normalmente utilizados por pescadores.
Como a vez anterior dende este enlace podedes acceder ás fotos en maior tamaño e facer as descargas que queirades.
Alí, como podedes ver, fixeron este paseo tan marabilloso e descoñecido para moitos habitantes de Pontevedra que recomendamos para aqueles que saiban valorar o entorno tan privilexiado que temos a un paso das nosas casas.
Subiron pola marxe esquerda pasando por varias zonas de muíños e rápidos. O regreso fíxose pola marxe dereita, polos sendeiros normalmente utilizados por pescadores.
Como a vez anterior dende este enlace podedes acceder ás fotos en maior tamaño e facer as descargas que queirades.
Etiquetas:
ACTIVIDADES,
COMUNIDADE ESCOLAR,
NATUREZA
Thursday, 22 May 2008
Arte, que invento é iso?
Quen determina que é a Arte? Todas as persoas teñen necesidades estético-artísticas ou só unha minoría? Hai algunhas institucións que fan negocios coa Arte. Cales?. É posible escapar á tiranía dos gustos oficiais en cuestión de Arte? Unha boa reproducción da Gioconda é unha obra de Arte? E un bordado ?.
Estamos preparando entre varias persoas unha actividade sobre o significado da arte que terá lugar próximamente na biblioteca. Utilizaremos os ordenadores, o canón, a aula virtual do centro. Proxectaremos moitas imaxes pouco coñecidas, fragmentos musicais e entre todos os participantes construitremos nun gran taboleiro MERCAars Constructor. De que estamos a falar? Xa vos contaremos.
Por agora unha proposta. O video MUTO do artista BLU. Unha animación sobre pinturas murais en paredes de lugares públicos deste artista que pasou varios meses pintando, filmando e editando o video. O StreetArt é arte? Pódese pintar unha parede se as autoridades municipais non o permiten? Quen decide sobre a calidade destas manifestacións?.
Etiquetas:
ARTE,
AULA VIRTUAL
Wednesday, 21 May 2008
Casas doentes
O outro día paseando polo campo vimos unha casa abandonada, unha máis con toda a súa carga de melancolía e suxestión. Lembramos a magnífica exposición "Casas doentes" de Manuel Sendón. Esta entrada é unha pequena homenaxe a todas esas casas que producen sempre en nós un fondo desacougo na certeza de que as nosas proprias casas, agoras habitadas e ruidosas, tamén serán algún día casas doentes.
"No mundo rural galego a casa ten un significado moi especial e hoxe un gran numero delas están abandonadas, deterioradas ou en ruínas. Unhas semellan estaren cegas, outras mudas e todas elas doentes.
Durante o ano 206 estiven a fotografar estas casas doentes ao longo de toda Galiza, o meu obxectivo non foi o dun estudoso da arquitectura. Non pretendín realizar un catálogo desas casas nin establecer as súas tipoloxías, e aínda que as características delas aparecen reflectidas nas fotografías, o meu achegamento situase noutro campo, interesándome fundamentalmente a capacidade de suxestión das imaxes creadas.
Neste momento estanse a realizar, sen lugar a dúbida, gran número de aberracións arquitectónicas en toda a xeografía galega, pero limitarse ao que se acostuma a denominar “feismo” pareceme unha simplificación. Trato polo tanto de fuxir do reducionismo que significaría limitarme a fotografíar as devanditas aberracións e da fácil ridiculización que tal posicionamento acostuma a levar implícita. Interésoume máis presentar estas casas con toda a súa dignidade a pesar do estado ruinoso que adquiriron co tempo, centrándome na capacidade evocadora que desta situación se deriva e no potencial que teñen para interrogarnos.
A palabra doente, non só significa enferma, senón tamén cabreada, e non é para menos neste caso se comparamos a arquitectura que se está a facer neste momento coa destas casas doentes. Esta é unha das razóns da escolla do título e da dignidade con que pretendín fotografalas."
MANUEL SENDÓN
Etiquetas:
FOTOGRAFÍA,
MORTE
Tuesday, 20 May 2008
Botero e Abu Ghrabi
O Instituto Valenciano de Arte Moderna (IVAM) acolle ata o próximo 6 de xuño a exposición 'Abu Ghrabi" do prestixioso artista colombiano Fernando Botero. A serie está composta por 24 pinturas e 22 debuxos que percorreron países como Italia, Alemania, Grecia ou Estados Unidos. Fernando Botero explicou que esta obra nace da ira de ver como algúns soldados estadounidenses torturaban aos prisioneiros de guerra. 'Sentín un gran desasosego, que foi crecendo, ao ver a gran hipocrisía dun país que se declara como defensor dos dereitos humanos e, así, comecei a imaxinarme as torturas a facer os bosquexos', engadiu o artista colombiano. Ademais, Botero explicou que tardou uns 14 meses en completar esta serie da que dixo que 'pode deixar un recordo' na mente das persoas, pero 'non logrará cambiar a orde social e político'. 'A arte é un recordo ou un testemuño permanente, pero non cambia a orde cotiá', matizou.
Etiquetas:
ARTE,
DEREITOS HUMANOS,
PINTURA
Monday, 19 May 2008
Xurxo Mariño
Como pode verse na foto, tivemos unha agradable visita na Biblioteca, Xurxo Mariño Alonso o autor de Os dados do reloxeiro e Po de estrelas (o que ten o libro na man). Despois tivo unha charla co alumnado de 4º da ESO e 1º BAC. Comezou contándolles o curioso que resulta que neste instituto o interese e promoción dos seus libros vén da man do profesorado de Lingua Galega… tratándose de asuntos científicos. E que lle parecía ben, que a cultura científica é cousa de todos, que non debería haber ciencias e letras, que hoxe cos coñecementos que temos a maioría da xente seguía tan iletrada cientificamente como os seus devanceiros de hai centos de anos. Falou do Sol (sobre unha foto do día), das viaxes a outros planetas, da posible vida extraterreste e da súa especialidade, o cerebro humano… mesmo fixo algún pequeno experimento co público. Logo asinou libros e respondeu ás preguntas dun grupo de interesados lectores. E non tiña ningunha pinta de científico (cal pode ser a pinta dun científico???), era un tipo informal, divertido e amable con todos. Grazas ao Equipo de Normalización Lingüística e a Xurxo Mariño polo acto.
Etiquetas:
CIENCIA
Actividades da natureza: sendeirismo e orientación
O alumnado de 4º ESO pasou unha mañá diferente na serra da Fracha entre os concellos de Pontevedra e Ponte Caldelas.
Saíron ás nove dá mañá en autocar ata a area industrial do Campiño e dende alí procederon a realizar varias actividades de orientación pola serra da Fracha ata a cota de 540m. coñecida como Pico de Entrerrías. Baixaron logo ata a area recreativa onde realizaron máis actividades de procura de tesouros, mochilas e diversos agasallos. Regresaron a Pontevedra ás 13. 40. Unha mágoa que o tempo non acompañara moito.
Etiquetas:
NATUREZA
Tuesday, 13 May 2008
Po de estrelas
As Letras Galegas non son só a literatura, as novelas, os contos e as poesías. Tamén o son os textos científicos de divulgación que achegan as ciencias á xente. Sábeno ben os moitos alumnos e alumnas de 2º de Bach. que gozan coa lectura (e os Carrabouxos) de Os dados do reloxeiro.
Agora Xurxo Mariño acaba de publicar Po de estrelas na liña do anterior, que tamén se pode descargar en internet. E temos que lle agradecer que se ofrecese a presentalo este venres 16 no Sánchez Cantón porque o autor quixo agasallar os lectores do noso instituto.
Que mellor xeito de celebrar o Día das Letras Galegas?...
E tamén haberá teatro mañá 14 no Principal (Fas e Nefás, a Tía lambida) polo grupo de Teatro do Instituto
E Monólogos a próxima semana...
Etiquetas:
BIBLIOTECAS,
CONMEMORACIÓNS,
LITERATURA GALEGA
Saturday, 10 May 2008
Bibliotecas...
Manuel Rivas, coma sempre moi fino:
Non hai moito, nun municipio ourensán, houbo un debate veciñal e unha votación para decidir o destino dunha subvención de fondos europeos. O dilema era unha biblioteca... ou un tanatorio. Unha variante do dereito á autodeterminación. En realidade, a alternativa da biblioteca xurdiu no último momento, por proposta das dúas rapazas máis novas do lugar. Entendían que se se optaba por unha biblioteca, coa súa bibliotecaria e todo, non só se abría un espazo onde estar vivo, e vivir outras vidas, senón que tamén se emitía un sinal cara ao futuro. Como vai morrer un pobo onde hai biblioteca e bibliotecaria? Na votación houbo unha marmórea maioría a favor do tanatorio. (El País, 10-5-08)
Friday, 9 May 2008
Oliver Sacks III : Espertares
E xa só resta facer unha breve mención á que é probablemente a obra máis coñecida de Sacks: Awakenings (Despertares), que posteriormente foi levada á pantalla con Robert de Niro e Robin Williams como protagonistas.
A película está precisamente baseada na experiencia clínica de Oliver Sacks, que devolveu transitoriamente a “liberdade” aos seus pacientes, paralizados durante décadas, tratándoos co que, daquela, foi considerado un medicamento milagroso, a Ldopa. Ese espertar evidenciou a traxedia que tiñan ante os seus ollos: o paso do tempo que non todos admitían. Planéase tamén o dilema dos efectos adversos fronte aos beneficios de certos fármacos, por moi evidentes que parezan, e que é sempre un terreo difícil na relación médic@-paciente. Ambas as partes deben aceptar a realidade. Toda unha lección de ética médica e do valor da existencia.
Os protagonistas, que reflicten fielmente a personalidade de moitos dos enfermos reais de Sacks deben afrontar un dobre reto: primeiro deben aceptar o paso implacable do tempo decorrido desde que enfermaron e perderon a consciencia e segundo, e aínda máis terrible, que cando empezan a aceptar a súa situación e a gozar dela descobren que os efectos da droga son transitorios e aos poucos, a maioría van caendo de novo no estado anterior de inconsciencia.
Neste punto é onde estriba a diferenza entre a película e o libro. Na primeira, o final non é o real, xa que algúns dos pacientes descritos por Sacks, lonxe de quedaren nun punto similar ao comezo, foron capaces de soportar a situación e adaptarse, ben por eles mesmos ou con axuda externa, e superar as limitacións que o medicamento non conseguiu emendar. O libro, moi na liña de Sacks, é a constatación de que o día a día destes pacientes mellorou amplamente para aqueles que decidiron tomar as rendas da súa nova realidade insistindo na idea de que cando fallan os tratamentos farmacolóxicos, pódense e débense pór en marcha outras medidas, persoais e sociais, para conseguir eses novos "espertares".
Estes pacientes estaban afectados de encefalite letárxica que apareceu, como epidemia entre 1916 e 1925. Pode tratarse dun virus causal non extinguido nunca, que se mantén en fase latente ou non virulenta, e que emerxerá innumerables veces ao longo da historia.
Atopamos este excelente traballo sobre a enfermidade e a pelicula. Paga a pena botar unha ollada.
Etiquetas:
CIENCIA,
TRASTORNOS DO COMPORTAMENTO
Thursday, 8 May 2008
Máis Oliver Sacks
Cando encargamos os libros de Oliver Sacks nunha das nosas librerías que tan ben nos aconsellan, aínda nos recomendaron un terceiro "O tío Tungsteno", así pois decidimos seguir falando deste interesante personaxe. Neurólogo, londinense de orixe e profesor no Albert Einstein College de Nova York, ten, máis ou menos 80 anos. Non elude nos seus escritos a terminología médica, e parece que escribise para si mesmo sen importarlle que os seus lectores se perdan, aínda que curiosamente esa perda non se produce e un vai pasando sobre Korsakov, L-Dopa, Encefalite, Agnosia, ata que se fan termos familiares.
Escribiu O home que confundiu a súa muller cun chapeu con 50 anos. Nos vinte e catro capítulos do libro repasa outros tantos casos clínicos que atopou ao longo da súa carreira profesional, narrados (que non novelados) en primeira persoa. Os casos estrutúranse en catro grandes bloques: Perdas, Excesos, Arrebatos e O mundo dos simples.
Hai casos tan curiosos como o de Jimmie , un síndrome de Korsakov (perda de memoria recente), que quedou coa memoria estancada en 1945, créndose permanentemente nos 19 anos. As situacións que algo así provocan son difíciles de entender. Cando a J. lle mostraban fotos da Terra vista desde o espazo, quedaba totalmente confundido sen poder crer que eran fotos reais. Do mesmo xeito que os encontros co seu irmán menor, a quen non podía recoñecer nun home tan vello. O peor de todo, o máis tráxico, é cando vía o seu rostro no espello, convencido dos seus dezanove anos, e este, como nun pesadelo, devolvíalle a imaxe dun ancián. Por fortuna e á vez por desgraza en poucos minutos tamén esquecía este tipo de incidentes.
Outros casos de interese: o do home que espertou un día sentindo que a súa perna era allea á súa persoa e caeu da cama ao intentar botar do seu lado "aquela cousa" repulsiva. Ou o home que co sentido do equilibrio totalmente alterado era incapaz de darse conta (salvo ao verse nun vídeo) que andaba inclinado, como a torre de Pisa. A muller que perdeu a noción de "esquerda", polo que se maquilla unicamente a parte dereita da cara...
Via Marte Rojo
Na orixinal película Memento descríbese unha persoa cun síndrome Korsakov
Etiquetas:
RECOMENDACIÓNS,
TRASTORNOS DO COMPORTAMENTO
Wednesday, 7 May 2008
Un antropólogo en Marte
Oliver Saks, autor do espléndido "O home que confundiu á súa muller cun chapeu" é tamén o autor de " Un antropólogo en Marte" que contén sete historias nas que se nos refire o potencial creativo de certas enfermidades, historias de pacientes nos que as desordes neurolóxicas (amnesia, autismo, etc.) non lles impediron a súa relación con certas formas artísticas ou co seu traballo, como o caso do pintor que por mor dun accidente de coche queda cego á cor (acromatopsia cerebral) e só ve en branco e negro, o que incide no seu novo xeito de entender o mundo; ou o dun cirurxán que era capaz de operar a pesares de padecer a síndrome de Tourette descrito na entrada anterior, que nos casos máis agudos está caracterizado por tics convulsivos, mímica involuntaria ou repetición das palabras ou os actos dos demais, e por pronunciar dun xeito involuntario e repetitivo maldicións ou obscenidades (algúns supón que Mozart o padecía); ou o caso de Amorne Grandin, unha autista que é licenciada en zooloxía, dá clases na universidade e que deseña e constrúe instalacións agrícolas.
Nos próximos días na biblioteca
Etiquetas:
CIENCIA,
RECOMENDACIÓNS,
TRASTORNOS DO COMPORTAMENTO
Monday, 5 May 2008
Síndrome de Tourette
Hai algún tempo que soubemos dun neno con Síndrome de Tourette matriculado nun centro próximo ao noso. A atención do alumnado con algún trastorno do comportamento é unha das grandes materias pendentes no noso sistema educativo. Hai unha necesidade acuciante de persoal especializado, bótase de menos a axuda e a información seria e sistemática para o profesorado e, por suposto, atención e información aos compañeiros e compañeiras deses nenos para crear entre todos certo clima de empatía, que non pena, ante unha patoloxía que se pode manifestar en ocasións con síntomas moi agudos. Entre todo o material que atopamos na rede, e carecendo nestes momentos do consello dun profesional, gustounos o enfoque desta reportaxe. Tamén parécenos unha idea excelente abordar a cuestión cos compañeir@s de aula do alumnado afectado tal como suxire este documento.
Etiquetas:
COMUNIDADE ESCOLAR,
TRASTORNOS DO COMPORTAMENTO
Subscribe to:
Posts (Atom)