Friday, 30 April 2010

O «velo islámico» e o esprai

Magnífico artigo de Miguel Anxo Murado de hai só uns días

Sábado 24 de abril de 2010

A miña avoa Aurelia levaba o velo islámico en Meira, cando ía sachar as patacas. Non era un velo islámico, claro está, como tampouco o é o desa rapariga musulmá de Pozuelo. O velo tapa a cara, e iso non é máis que un pano de cabeza. Tampouco é necesariamente islámico, porque pode levarse por moitos motivos. Esta rapaza, por exemplo, lévao por rebeldía. Rebeldía contra un colexio pijo de Pozuelo. Só é un símbolo de «submisión da muller», como din eses expertos amateurs que saíron de repente, se a muller resulta ser submisa. Senón, non. Tamén o anel de casada simboliza a submisión da muller ao varón, pero acabou sendo un simple costume. O pano de cabeza nin sequera ten significado relixioso en si. Como todas as crenzas antigas, o islam é conservador e moralista, ás veces reaccionario; e igual que para moitos pais é escandaloso que as fillas mostren as pernas ou o embigo, para moitos musulmáns conservadores, homes e mulleres, o cabelo feminino é demasiado erótico para mostralo. É unha cuestión de moral, non de fe. Persoalmente, non me van eses puritanismos, pero non vexo que se poidan regular por lei e, por poñer un caso, facer obrigatorio o topless nas praias ou impoñer por decreto a minifalda en centros públicos.

Mais non son ningún inxenuo, e vostede que me le, tampouco. Ambos os dous sabemos que o debate é insincero, e non ten nada que ver co laicismo nin coa igualdade da muller. É máis simple: unha parte importante da cidadanía teme ós estranxeiros, especialmente ós árabes, e sente satisfacción de ver como se limita a súa visibilidade, coma se iso fose limitar a súa presenza. Moitas destas persoas queren verse como progresistas , polo que se refuxian nunha argumentación laicista que lles permite disimular esta xenofobia. Outros son católicos que, para evitar alimentar precisamente o laicismo, adoptan un feminismo igualmente impostado. Resulta patético nos dous casos, pero a pseudopolémica cumpre tamén unha función terapéutica: permítelles a uns e outros expresar sen medo esa xenofobia que todos levamos dentro (e que tampouco é tan grande como se di ás veces), e reciclala nunha sisuda reflexión sobre os dereitos e deberes do individuo. Ata que veñen os da extrema dereita e pintan con esprai frases de verdade racistas nas paredes do centro de Pozuelo. Daquela, faise un silencio incómodo; como cando alguén ve que lle leron o pensamento. É só entón cando a maioría comprende que non hai alternativa a convivir.

La Voz de Galicia

No comments:

Related Posts with Thumbnails