Thursday, 31 May 2007

AS SETE NOVAS MARABILLAS DO MUNDO

Sabías que desde o ano 2001 se iniciou unha votación para determinar cales serían as 7 novas marabillas do mundo? A decisión tomarase o próximo 7 de xullo, claro, 07/07/07, como non podía ser menos. A convocatoria non deixa de suscitar todo tipo de comentarios: non podemos limitarnos a gozar sen ter que facer listas e competir? Como se poden comparar manifestacións culturais tan dispares como as esculturas da illa de Pascua, poñamos por caso, e a Alhambra? E se algo tan marabilloso como a Muralla Chinesa, por exemplo, non sae entre as sete elixidas, que quere dicir? será acaso menos impactante que agora?. De momento van xa, polo visto 28 millóns de votos de todo o mundo e conseguiuse reducir, sempre por votación popular, a lista inicial de 177 candidatos a 21, entre eles a Alhambra de Granada.



As outras, as 7 marabillas do mundo clásico tamén eran cuestionables, como toda relación de favoritos e seleccionados. Situadas nunha área relativamente pequena, en torno ao Mediterráneo como podedes ver no mapa, estaban todas moi influídas pola cultura helenística. Algunha delas, como os xardíns de Babilonia, teñen unha autenticidade dubidosa.



En calquera caso, decidimos mandar esta entrada porque atopamos esta ligazón tan boa onde podedes ver os 21 finalistas. Realmente o resultado final da votación non importa. Non volo podedes perder, é un auténtico luxo.

E esta ligazón por se alguén se anima a votar...

Tuesday, 29 May 2007

OS MUNDOS DE M.C.ESCHER

Eliximos como cabeceira desta bitácora a obra Symmetry de M.C Escher. Proporcionámosvos unha brevísima reseña deste artista. Maurits Cornelis Escher naceu o 17 de xuño de 1898 en Leenwarden (Países Baixos), fillo dun enxeñeiro hidráulico. Era un pésimo estudante que tivo que repetir curso dúas veces. Para el, a escola era un pesadelo, excepto as clases de debuxo. Como tantos outros grandes artistas, era manicho. Ao longo da súa carreira realizou máis de 400 litografías e gravados en madeira, e tamén uns 2.000 debuxos e borradores. As súas máis populares obras, figuras imposibles, fondos reticulados con diversos patróns e mundos imaxinarios foron reproducidas ata a saciedade en portadas de libros, revistas, campañas publicitarias e en todo tipo de formatos. M.C. Escher, é un dos máis grandes artistas gráficos do século XX. Moitas persoas admiran e atopan curiosos, intrigantes e especiais os seus traballos, aínda que en moitas ocasións, non saiban moi ben de quen son nin coñezan realmente o autor ou a época en que foron creados.

Estas son as mellores ligazóns que atopamos .
Esta é unha das que máis nos gustou. Podes movela co cursor do rato ou coa barra para controlar a velocidade e a dirección.
Esta é unha das máis completas.
Aquí podedes ver un pase de diapositivas.
Esta é a web oficial.

Saturday, 26 May 2007

CAN I HAVE A WORD?

Unha interesante iniciativa da fundación británica Barbican é Can I have a word. Trátase dunha serie de recursos na rede para potenciar a escritura creativa en secundaria. Está organizado ao redor de catro grandes temas: segragación e racismo, a Odisea, os catro elementos e o corpo humano. Permite oir a poetas británicos novos, e proporciona actividades interesantes para descargar e traballar na aula, por exemplo pódense descargar os textos dos poemas ao tempo que escoitamos aos autores recitar. Obviamente está en inglés, pero recomendamos botar unha ollada á sección TopTips (consellos) no menú da esquerda, que calquera entenderá, e por suposto e moi especialmente, as atractivas animacións para cada un dos temas propostos. A finalidade, aparte do evidente pracer estético, é proporcionar ao alumnado o vocabulario máis axeitado e preciso para unha mellor competencia á hora de escribir sobre estas cuestións. Unha idea imaxinativa.

Thursday, 24 May 2007

A MODERNIDADE DA ANTIGA ALEXANDRÍA

Parécenos obrigado reservar un espazo nesta bitácora a unha das bibliotecas máis coñecidas de todos os tempos: A Biblioteca de Alexandría.

A moderna Alexandría, sé da nova Biblioteca segue hoxe, coma sempre estendéndose polo delta de Nilo e mirándose no Mediterráneo pero.....¿que queda da outra? Da lendaria urbe fundada por Alexandre Magno, coñecida en todo o mundo antigo polo seu famoso Faro e a non menos renomeada Biblioteca a penas queda nada.

Sabías que?...

Na Biblioteca de Alexandría, xa no s. III a. de C. había máis de 500.000 “libros"-

Eses “libros” non o eran en realidade. Tratábase de rolos de papiro de 6 a 7 metros de longo. As obras máis extensas dividíanse en varios papiros da mesma lonxitude, e as máis breves recollíanse nun mesmo papiro a fin de lograr unha certa uniformidade nas dimensións.

Non cabe ningunha dúbida é de que na Biblioteca de Alexandría se investigou dun modo sistemático e rigoroso. Os eruditos estudaban o Cosmos enteiro. Investigábase en física, astronomía, xeografía, matemáticas, bioloxía, enxeñería...

A Biblioteca constaba de dez grandes salas de investigación, dedicadas ós diferentes temas. Ademais había fontes, columnatas, xardíns botánicos, un zoo, salas de disección, e unha grande sala comedor onde se levaban a cabo as discusións. Soa ben ¿verdade?

..
Agora unha de vocabulario:
Os rolos de papiro metíanse en receptáculos de madeira ou pedra . Eran os bibliotheke, palabra que posteriormente pasou a designar unha colección de libros.

No final dun período no texto marcábase cun signo coñecido como parágraphos ó comezo da última liña do período; a palabra séguese utilizando hoxe para indicar as diferentes partes dun texto

As obras antigas non acostumaban ter un título propiamente dito. Para distinguir uns papiros de outros, co tempo terminouse por fixar unha especie de etiqueta nun lugar visible mesmo cando estaban enrolados, onde figurase o nome do autor e as palabras iniciais de cada obra. A nosa palabra título provén precisamente desa etiqueta que os romanos chamaron titulus.


A nova biblioteca de Alexandría cos seus imponentes edificios e instalacións non se libra da crítica. Ata que punto era imprescindible un gasto tan descomunal para financiar unha obra faraónica, nunca mellor dito, nun país con tantas necesidades culturais como Exipto? Fálase tamén duns fondos bibliográficos certamente escasos para instalacións que poden albergar literalmente millóns de documentos e de problemas de orzamento para manter a colección actualizada, debido aos enormes gastos que provoca o mantemento das instalacións.


....


.


En calquera caso, non deixedes de botar unha ollada á galería de imaxes.

Tuesday, 22 May 2007

AULAS AUTOSUFICIENTES. ARIÑO. TERUEL

Parece evidente que a clase maxistral, o libro de texto como único recurso e a aula como único espazo para exercer a docencia teñen os días contados. Nunha sociedade cambiante que, como non podía ser doutro xeito, produce un alumnado con destrezas e necesidades totalmente diferentes ás de xeracións anteriores, é imprescindible que cambie o papel do profesorado. Axudar a acceder á información, a valorala, xestionala, e ter os coñecementos precisos para poder adoptar unha posición crítica ante ela son ferramentas imprescindibles para exercer a cidadanía de forma plena.

Saturday, 19 May 2007

O DÍA DE INTERNET

O pasado día 17 de maio celebramos en Galicia o día das Letras Galegas, pero ademais esta data está dedicada en todo o mundo a Internet. Todos sabemos o moito que supuxo a introdución desta gran rede de comunicación, a cantidade de información que nos pode subministrar, novas formas de mercar, as posibilidades de traballar doutra maneira, de comunicarnos con outras persoas. O espazo contráese no mundo virtual.
Pero Internet non é allea aos problemas que padece a sociedade e dalgunha maneira pode reproducir algúns dos seus inxustos esquemas, dificultade de acceso para as persoas que teñen discapacidades, imposibilidade para a poboación máis desfavorecida de conectarse á rede, control da información ...

O futuro de internet e da sociedade depende en gran medida do que os usuarios fagamos, se somos quen de utilizalo como plataforma desde a que as voces silenciadas poidan oírse e unirse para impulsar movementos que nos fagan máis iguais e mais libres.

Para empezar, en internet podemos encontrar sitios onde defenden e propagan o software libre (moito máis que software gratis) e que é unha das condicións necesarias para evitar a chamada fenda dixital entre países desenvolvidos e países explotados. Deberíamos velar para que o copyright (en Internet) exercendo un control excesivo poida desvirtuar a "cultura libre".
Pincha aquí para acceder ao proxecto software libre.





Thursday, 17 May 2007

DÍA DASLETRAS GALEGAS: ORDENADORES NOVOS E PALABRAS FERMOSAS

....
A verdade é que este ano o Día Das Letras Galegas troúxonos moitas cousas boas: xa temos de novo todos os ordenadores, preparados e dispostos pra cando precisedes facer un traballo, unha consulta, mandar un comentario aos blogs... Imos coidalos ben porque todos aprendimos o que é estar case un curso enteiro sen eles, coa boa falta que facían. Quedou claro que cando alguén rouba ou dana algún ben público, rouba ou dana as nosas cousas, o que é de todos e cada un de nós.
...
.
Agasallounos tamén este día con badaladas, paisaxes, fervenzas, nais, volvoretas e toda a fermosa colleita de palabras recollida polo alumnado de 1º ESO que podedes ver no hall.

Wednesday, 16 May 2007

100 PREGUNTAS DE BIOLOXÍA

.
Empeza a época de exames. Que tal andamos de Bioloxía? Podedes entretervos un intre facendo este test. Nivel proposto 3º ESO, pero está aberto a calquera. HAI 100 PREGUNTAS, NADA MENOS. Se acertades, podedes avanzar, se non acertades retrocederedes un posto. .
.
CANDO ABRAS A LIGAZÓN:

Monday, 14 May 2007

CÓMICS AFRICANOS???

.
Un tambor sinala o comezo da cerimonia: un grupo de nenas vai ser sometido ao cruel ritual da ablación. A máis valente casará co príncipe. Uns días logo da cermeonia dúas nenas morren de infección. Oulai, a pequena que casa co príncipe, falecerá ao dar a luz o seu primeiro fillo. Esta é a historia que oe contar a súa neta, e sente terror porque ela xa case ten a mesma idade pero a súa nai promételle que nunca o permitirá...
Este é o argumento de Oulaï: para que a ablación remate, un relato sobre a mutilación xenital, por Cisse Samba Ndar.
Hai unha nova e prometedora xeración de autores africanos con gran preocupación polos temas sociais e políticos: situación das mulleres. corrupción, dereitos humanos, emigración. Utilizan este medio para reflectir a deseperación, pero tamén a esperanza e o humor da vida diaria de África.
Aquí podedes ver unha pequena mostra dalgúns dos debuxantes máis famosos dese mundo tan descoñecido que é o cómic africano.

Thursday, 10 May 2007

FASHION MADE IN AFRICA


O adorno corporal, o coidado pola estética, a miúdo proporcionan unha valiosa información acerca das culturas africanas e os seus complexos elementos simbólicos, históricos, políticos e relixiosos.
A arte do adorno corporal ten unha especial relevancia na África subsahariana, ben sexa utilizando o propio corpo como soporte: tatuaxes, escarificacións, pintura corporal, elaborados peiteados etc., ou ben utilizando outros elementos que embelecen o corpo: vestidos e xoias
Estes elementos ofrecen ós individuos a oportunidade de elaboraren a súa presentación diante do resto da comunidade, do resto do mundo. Na África subsahariana constitúen un poderoso soporte visual que mesmo chega a representar correntes culturais ou identidades nacionais nos modernos estados africanos multiétnicos.

.
Non é, por tanto, estraño constatar no mundo da moda un claro expoñente da crecente capacidade das mulleres africanas para organizar empresas en alza. Invitámosvos a botar unha ollada ás creacións de dúas deseñadoras senegalesas recoñecidas e varias veces galardoadas no esixente mundo da alta costura Claire Kane e Oumou Sy

Wednesday, 9 May 2007

SENEGAL: UN BONITO SORRISO

Certamente o problema da emigración e da miseria en Senegal é grave, e por desgracia non o único. Cando oímos falar de Senegal a meirande parte das veces é asociado aos caiucos, pero alí hai outras persoas que traballan, innovan e que fan arte como a cineasta Angéla Diabang Brener (foto da esquerda), gañadora de varios premios coa súa curtametraxe Mon beau sourire , no que plasma o ritual do tatuaxe de enxivas , práctica que levan a cabo algunhas mulleres senegalesas para acadar un sorriso máis estético con brancos dentes destacando sobre as enxivas azuis. Angéla recoñece que un dos seus obxectivos é amosar o que as mulleres son quen de facer con tal de dar pracer aos homes.
Seguro que podíamos facer unha longa lista de cousas dolorosas que facemos as mulleres occidentais por parecer máis fermosas segundo os canons de beleza dominantes.

Monday, 7 May 2007

OS NENOS DO PAÍS ONDE NACEN OS CAIUCOS

En Senegal, o país da teranga (hospitalidade en wolof ), os caiucos convertéronse na única esperanza para miles de persoas. O perfil dos viaxeiros case sempre é o mesmo: nenos de once a quince anos e homes que non superan os corenta. As mulleres senegalesas non viaxan. As que o fan adoitan ser doutros países.
Cada vez chegan máis menores senegaleses ás costas canarias. Un dato que é comprensible porque a maioría deses rapaces non teñen temor: moitos deles son pescadores, están afeitos á auga e non senten medo. Por se fora pouco, as súas familias prefiren velos marchar, a pesares do tremendo perigo que supón para eles a longa travesía, antes que a certeza da fame e a necesidade.
A vaga de caiucos vaise incrementar con toda probabilidade e cada vez se embarcarán máis nenos que chegarán exhaustos, cando non mortos, ás nosas costas. Non podemos esperar outra cousa se temos en conta unhas cifras que paralizan o corazón: só no distrito de Pikin, ao sur de Dakar calcúlase que uns 100.000 rapaces e rapazas viven en condicións de miseria extrema. Moitos deambulan pola rúa, condenados a padeceren enfermidades, incluída a sida, e a sufrir todo tipo de abusos sexuais.

Convidámosvos a escoitar BOROM GAAL, do cantante senegalés Youssou N'Dour, pero coidado, non vos deixedes enganar pola súa melodía tan pegadiza que parece que só invita a bailar e sorrir. A letra da canción, en wolof, fala do cruel océano e de todas as vítimas que se cobra entre aqueles que perseguen o incerto soño de chegar ás costas españolas á procura dun futuro mellor.

Friday, 4 May 2007

SÁNCHEZ CANTÓN EN WIKIPEDIA

Somos un grupo de alumnos y alumnas de 3º ESO, pioneros en este centro y parece que entre los primeros de toda la comunidad autónoma, en colaborar con Wikipedia. Esta enciclopedia en red de libre circulación es un punto de encuentro global que permite aportaciones diversas y voluntarias. Se llegó al acuerdo de preparar entradas que tuvieran una relación directa con la ciudad o con nuestras vivencias personales. Entre ellas destacaremos una biografía de Francisco Javier Sánchez Cantón elaborada por los alumnos Víctor Sanmartín y Jaime Tomé. Gonzalo Rodríguez, ayudado por José Adolpho Rincón, trabajaron sobre una importante celebración en Leones, localidad situada en Córdoba (Argentina), llamada Fiesta Nacional del Trigo . Gonzalo, que es natural de Leones, tiene muy buenos recuerdos de esa fiesta y se da la circunstancia de que su abuela fue elegida Reina Nacional del Trigo en 1950. Aquí podéis ver lo guapa que era.
Susana Simón y Shezzaly Rincón investigaron sobre la batalla del Puente Sampaio de la que pronto se conmemorarán dos siglos. Enara Martínez aportará una entrada acerca de la ría de Pontevedra. Estas entradas se subirán en fechas próximas.
Coordinó la actividad el profesor de Lengua y Literatura Andrés Freire. Se utilizaron fondos documentales y equipos informáticos de la biblioteca. (equipo informático, en realidad, ya sabéis de nuestro problema del robo…)

Thursday, 3 May 2007

1º OBRADOIRO DE NARRATIVA. VISITA DE MANUEL LOURENZO

O luns o escritor pontevedrés Manuel Lourenzo pasou a tarde na biblioteca. Foi a primeira experiencia do obradoiro de narrativa organizado polo ANPA. Resultou moi agradable. Como todo é mellorable, tomamos nota para futuras edicións e prometemos organizar esta actividade noutro momento menos atarefado do curso e con máis tempo e seguimento. Manuel Lourenzo mostrouse desde agora mesmo disposto e encantado de colaborar.

Velaí as opinións dos participantes.

Wednesday, 2 May 2007

LUIS BARÁ E CYRANO DE BERGERAC. PAN, POESÍA E BOMBARDEOS

Pontevedra acolle esta semana a campaña `Pan con poesía' que repartirá na área do Lérez bolsas de pan con poemas impresos da poeta Mª Carme Kruckenberg.
Comentando o outro día esta interesante iniciativa da Dirección Xeral de Creación e difusión Cultural cunha profesora de literatura que ten unha excelente e envidiable memoria, recordaba ela unha pasaxe de Cyrano de Bergerac onde se describe unha iniciativa parecida. Nesta pasaxe a dona dunha panadaría, con moita menos sensibilidade literaria que o Sr Bará, empeza a envolver o pan cos versos do seu marido e os seus amigos poetas, como castigo ao que ela consideraba unha lamentable perda de tempo. O pobre e frustrado autor exclama:


"Ceos que vexo,
As mellores poesías dos meus amigos! Impía profanación! Inaudito atentado!...

Eh pícaros, oe querido:
Se me queres devolver o soneto que che dei escrito neses papeis, en vez de tres, seis pasteis vouche dar..."


.Curiosa a coincidencia e curiosas as reaccións e as diferentes lecturas que un mesmo feito pode provocar.
Comentabamos tamén que, malia que a poesía non é o xénero literario máis lido, segue a conservar unha innegable e poderosa forza simbólica e recordabamos a brillante iniciativa de tres xornalistas chilenos que bombardearon con poemas cidades que foran especialmente castigadas. Comenzaron co Pazo da Moeda, continuaron con Dubrovnick e por suposto non esqueceron Guernika. Paga a pena ver o vídeo e a reacción de persoas de todas as idades que saían entusiasmadas ao oíren o ruído dos helicópteros, para recoller un dos millóns de poemas que caían do ceo.
Que señor Bará. Apuntámonos a un bombardeo?

Bombardeo de Poemas en Guernica (2004)

Tuesday, 1 May 2007

MAIO DO IES SÁNCHEZ CANTÓN

Desde a Biblioteca queremos darlles os nosos parabéns ao grupo de alumnas que prepararon e tan ben cantaron o Maio do Instituto Sánchez Cantón na Praza da Ferrería pontevedresa na mañá do primeiro de maio de 2007. Nada menos que o 1º premio en interpretación e o 3º en cantigas.

Velaquí unha escolma das súas coplas tan premiadas:


Os puntos andan moi caros
nas subastas de Internet
pagaremos pola ducia
para encher todo o carnet.
Estes novos condutores
pensan que poden correr
como Raikhonen e Alonso
e sen nada que perder.
...
Os rapaces de hoxe en día
non pegaron o estirón
pero toman "chocolate"
cando toca o biberón.
Eles aínda son nenos
confunden a diversión
pensan que o máis moderno
é face-lo botellón.
Cando saímos de troula
atopamos un montón
deses mozos tan pequenos
sempre montando follón
...
Coa cidade peonil
xa podemos pasear
ben tranquilos pola rúa
sen que veñan molestar.
Pensamos que Pontevedra
sería aínda máis fermosa
se puideramos sacar
a maldita Celulosa


ENTREGA DE RECEITARIO E MATERIAIS DA III MOSTRA GASTRONÓMICA


O próximo mércores 2 de maio ás 18:30 na biblioteca, faremos entrega aos participantes na III Mostra Gastronómica do IES Sánchez Cantón do receitario correspondente, como xa vos temos adiantado.


Nesta edición complétase cun CD que ademais das receitas aporta diversos materiais sobre trastornos de conduta e cultura alimentaria.


Sortearanse tamén tres memorias USB entre as persoas que participaron ou colaboraron na organización.

Related Posts with Thumbnails