Sabías que desde o ano 2001 se iniciou unha votación para determinar cales serían as 7 novas marabillas do mundo? A decisión tomarase o próximo 7 de xullo, claro, 07/07/07, como non podía ser menos. A convocatoria non deixa de suscitar todo tipo de comentarios: non podemos limitarnos a gozar sen ter que facer listas e competir? Como se poden comparar manifestacións culturais tan dispares como as esculturas da illa de Pascua, poñamos por caso, e a Alhambra? E se algo tan marabilloso como a Muralla Chinesa, por exemplo, non sae entre as sete elixidas, que quere dicir? será acaso menos impactante que agora?. De momento van xa, polo visto 28 millóns de votos de todo o mundo e conseguiuse reducir, sempre por votación popular, a lista inicial de 177 candidatos a 21, entre eles a Alhambra de Granada.
As outras, as 7 marabillas do mundo clásico tamén eran cuestionables, como toda relación de favoritos e seleccionados. Situadas nunha área relativamente pequena, en torno ao Mediterráneo como podedes ver no mapa, estaban todas moi influídas pola cultura helenística. Algunha delas, como os xardíns de Babilonia, teñen unha autenticidade dubidosa.
En calquera caso, decidimos mandar esta entrada porque atopamos esta ligazón tan boa onde podedes ver os 21 finalistas. Realmente o resultado final da votación non importa. Non volo podedes perder, é un auténtico luxo.
E esta ligazón por se alguén se anima a votar...
2 comments:
Desde logo, a ligazón é moi boa.
Por se tíñamos algunha dúbida esta é unha clara proba do noso antropocentrismo: as maravillas construímoslas nós. Os elementos naturais ou froito doutros animais non contan.
Para compensar propoño que este blog tome a iniciativa de determinar as 7 aberracións do mundo, evidentemente tamén feitas polos seres humanos.
Post a Comment