

Cada vez chegan máis menores senegaleses ás costas canarias. Un dato que é comprensible porque a maioría deses rapaces non teñen temor: moitos deles son pescadores, están afeitos á auga e non senten medo. Por se fora pouco, as súas familias prefiren velos marchar, a pesares do tremendo perigo que supón para eles a longa travesía, antes que a certeza da fame e a necesidade.
A vaga de caiucos vaise incrementar con toda probabilidade e cada vez se embarcarán máis nenos que chegarán exhaustos, cando non mortos, ás nosas costas. Non podemos esperar outra cousa se temos en conta unhas cifras que paralizan o corazón: só no distrito de Pikin, ao sur de Dakar calcúlase que uns 100.000 rapaces e rapazas viven en condicións de miseria extrema. Moitos deambulan pola rúa, condenados a padeceren enfermidades, incluída a sida, e a sufrir todo tipo de abusos sexuais.
Convidámosvos a escoitar BOROM GAAL, do cantante senegalés Youssou N'Dour, pero coidado, non vos deixedes enganar pola súa melodía tan pegadiza que parece que só invita a bailar e sorrir. A letra da canción, en wolof, fala do cruel océano e de todas as vítimas que se cobra entre aqueles que perseguen o incerto soño de chegar ás costas españolas á procura dun futuro mellor.
No comments:
Post a Comment