Monday, 21 January 2008

ARTE NA TIPOGRAFÍA

Escoitamos falar na Cadena Ser ao autor do libro Arte na Tipografía, Tipografía na Arte, que acaba de inaugurar unha interesante exposición do mesmo nome na Biblioteca Nacional. Foi un auténtico pracer escoitar as interesantes anécdotas relacionadas cos diferentes tipos de letra.

Aprendemos cousas tan incribles como todo o relacionado co tipo Garamond, utilizado por Google, Dior, e o 90% dos libros publicados. Pois ben, preparádevos para a sorpresa porque este tipo de letra tan elegante e dunha grande beleza tipográfica segundo todos os expertos, foi deseñado no s. XVI, por Claude Garamond e continúa practicamente inalterable dende entón.

Aprendemos que o tipo
Bodoni, tan preciso, utilizado pola publicidade de Calvin Klein e Zara, considerado polos expertos como a Venus de Milo tipográfica, data do século XVIII dun deseño do italiano Giabattista Bodoni.

Non existe unha tipografía española. Os mestres das imprentas españolas case sempre importaban os seus punzóns ou tipos, de países con maior tradición tipográfica, como Holanda e Francia.

Na entrada anterior, podedes ver un documento da época do III Reich. Durante este período a maioría dos escritos oficiais utilizaban tipografías da familia Gótica, tristemente vencellada a este terrible período histórico. Isto aconteceu ata que alguén informou a Hitler que a invención dese estilo tipográfico estaba, dalgún xeito, relacionada cos xudeus. Dende ese momento deixou de utilizarse. O documento que vedes na entrada que mencionamos, data dunha época inmediatamente anterior.

É posible afirmar que todos os tipos cun deseño que é igual ou similar aos tipos clásicos latinos son os que ofrecen a mellor lexibilidade. Ata o momento o tipo máis popular en documentos impresos é
Times New Roman, que aparece por defecto en Microsoft. Foi deseñado por Stanley Morison en 1932 para ser usado especialmente para o xornal londinense The Times. Con todo, para a súa utilizción na rede, hai quen consideran que unha das mellores fontes é a Verdana, lexible ata a tamaños ínfimos nos monitores.
E un bo consello dos mellores deseñadores gráficos: é certo que hai máis de 50.000 tipos de letra diferentes, pero é aconsellable limitarse a un, dous como máximo, no mesmo documento.

No comments:

Related Posts with Thumbnails