Xesús Constenla, que non hai tanto que estivo falando nesta biblioteca e ligado familiarmente ao centro, publica novela: Libro das Alquimias. Unha homenaxe ao libro e ás bibliotecas, ao coñecemento, ao saber fronte á ignorancia e a prepotencia que queima libros e bibliotecas.
Un rapaz curioso e un vello raro. O rapaz pescuda, entra no baixo do vello e vaise ver metido nun novo mundo no que os libros voan e aínda que semellan estar en branco poden transformar a realidade, os libros son como a alquimia que procuraba converter as cousas en ouro e buscar a inmortalidade. E o rapaz vai asistir, entre outras marabillas, á traballosa construción da Biblioteca de Alexandría... e logo á súa decadencia e destrución... e vai coñecer a fascinante vida da matemática e astrónoma Hypatia (entrada do 3 de novembro: mulleres matemáticas); e pintores e poetas. Vai saber ben máis do que trae a Enciclopedia que consulta decote. E o mecano, que era o seu xogo preferido, vai quedar esquecido no cuarto diante deste novo mundo tan atractivo –e tan cheo de terror- que se lle abre.
Igual nesta nosa biblioteca tamén hai algúns libros máxicos, con alquimia dentro... Por que non probar...?
1 comment:
Pois si que ten boa pinta este "Libro das Alquimias", será o próximo que entre na nosa biblio.
Grazas pola suxestión e Feliz ano dende Fene!!!
Post a Comment