Monday, 14 January 2008

Rica heroína

En 1898, once días despois de lanzar ao mercado a coñecida Aspirina®, os laboratorios Bayer empezan a comercializar un novo produto chamado Xarope de Heroína® e que, como o seu nome indica, estaba feito coa devandita substancia. En poucos meses, ambas as dúas marcas, Aspirina® e Xarope de Heroína®, anúncianse xuntas como insuperables analxésicos e como remedio para varias enfermidades pulmonares.

Nos diarios aparecen anuncios con escenas cotiás - unha nai que dá a medicina ao seu fillo ou uns nenos que toman a súa merenda - e repítese machaconamente a mesma mensaxe: "Na estación chuviosa: Xarope Bayer de Heroína", "Na tose forte, Xarope Bayer de Heroína", "A tose desaparece, con Xarope Bayer de Heroína".

O éxito é tan rápido que, moi pronto, a casa Bayer anuncia a Heroína como efectivo remedio contra a tose dos nenos e nenas e esta publicidade aparece en todos os grandes xornais. En España, Bayer aproveita o inverno de 1912 para lanzar unha campaña de publicidade do seu "xarope de heroína".
Durante anos, Bayer segue vendendo a heroína como eficaz e inocuo substitutivo da morfina. Os anuncios a nivel mundial aseguran que, "ao revés que a morfina", a nova substancia produce un aumento da actividade e fai desaparecer todo tipo de tose.
A principios de 1900, algunhas sociedades filantrópicas de EEUU chegan a distribuír mostras gratuítas de heroína vía correo para os adictos á morfina que desexan rehabilitarse.

Non será ata anos despois cando se descubra que a heroína non solo non é inocua senón que resulta aínda máis aditiva que a morfina. O proceso de transformación da substancia no fígado dá a clave do asunto: a heroína volve converterse en morfina dentro do corpo. En 1913 Bayer detivo a produción de heroína e borrou todo este embarazoso asunto dos seus arquivos.


No comments:

Related Posts with Thumbnails