O mércores da pasada semana deixounos o xenial Henri Salvador. Nacido na Guaiana francesa en 1917 soubo crear un estilo propio marcadamente swing, cómico e mesmo visceral, apegado ás tradicións da chanson francesa, o mundo do boulevard e o rock and roll máis descarado. Antóllase imposible sintetizar a súa vida en tres frases: discípulo de Django Reinhardt nos anos 30, colaborador de Boris Vian na década dos 50, foi quen de metamorfosear un estilo atípico, mesmo utópico, oscilando entre a hilaridade máis naïve e a densidade dramática e espiritual dos seus últimos anos. O pasado 21 de decembro puxo punto e final á súa traxectoria artística cun memorable concerto no Pazo de Congresos de París. "A morte non ten ningunha importancia para min, é o final dun camiño, as estrelas explotan e logo hai outras que nacen...é formidable", afirmaba. Case un mes despois despediuse definitivamente de todas e de todos nós.
Jardin d´hiver: a presenza dunha voz madura, no disco Chambre avec vue (Virgin France, 2002)