Tuesday, 19 February 2008

Francia: un camiño de ida e volta.

O mércores da pasada semana deixounos o xenial Henri Salvador. Nacido na Guaiana francesa en 1917 soubo crear un estilo propio marcadamente swing, cómico e mesmo visceral, apegado ás tradicións da chanson francesa, o mundo do boulevard e o rock and roll máis descarado. Antóllase imposible sintetizar a súa vida en tres frases: discípulo de Django Reinhardt nos anos 30, colaborador de Boris Vian na década dos 50, foi quen de metamorfosear un estilo atípico, mesmo utópico, oscilando entre a hilaridade máis naïve e a densidade dramática e espiritual dos seus últimos anos. O pasado 21 de decembro puxo punto e final á súa traxectoria artística cun memorable concerto no Pazo de Congresos de París. "A morte non ten ningunha importancia para min, é o final dun camiño, as estrelas explotan e logo hai outras que nacen...é formidable", afirmaba. Case un mes despois despediuse definitivamente de todas e de todos nós.

Jardin d´hiver: a presenza dunha voz madura, no disco Chambre avec vue (Virgin France, 2002)


Tributo á vis cómica dun soñador: Juanita Banana.


Mais a vida mineral segue sometida ao devir, como ben asegurou Nietzsche: a música non deixa de ser un camiño de idas e voltas e revisitacións constantes, orixinais e fondamente estimulantes. Nesa Francia contemporánea e carismática naceu a música de Dominique A, oriundo de Provins, relevo xeneracional natural na xa de por si brillante tradición vogal francesa. No ano 1992 deuse a coñecer amparado polo prestixioso e elegante selo Lithium co traballo La fossette, amalgama minimalista tendencialmente rock. En 2001 ficha polo prestixioso selo Labels para asinar un disco de luminosa presenza, autoreferencial e inspirado: Auguri. As guitarras, limpas, distorsionan en ocasións unha voz crúa, ambivalente, quen anos máis tarde, en pleno 2006, chegará ao seu apoxeo: L´Horizon (GreenUfos) entra en escena, revirando unha plasticidade arquitectónica afastada de convencionalismos e inxenuidades mainstream. Figura consagrada, ven de editar un estupendo traballo ao vivo, Sur nos forces motrices (Olympic Disk, 2007), onde escenifica por que é xa, xunto a Benjamin Biolay, un referente na actual canción francesa.

Dans un camion (L´Horizon, 2006), roadsong de cadencia amable e ampla fondura.


Moitas foron xa as colaboracións asinadas por Dominique A con outros grandes do panorama musical francés. Unha perla: voces para monochrome, tema do visionario Yann Tiersen (La phare, 1997)

1 comment:

Anonymous said...

Mil grazas de novo, Lois. Encántame a túa entrada, coma sempre. Que ben saber que estás recuperdo...

charo

Related Posts with Thumbnails