Sunday, 17 February 2008

Máscaras venecianas



As máscaras venecianas están documentadas xa no século XIII cando aparecen escritos que falan de homes enmascarados tirando ovos ás damas que atopaban pola rúa. Podemos dicir que o uso destas máscaras alcanza o seu apoxeo cando Venecia xa empezaba a declinar o seu poderío económico e vivía só do seu prestixio. Falamos do século XVIII, cando nobres de toda Europa consideraban obrigatorio participar nas lendarias festas venecianas coas súas licenciosas costumes. Curiosamente naquela época o periodo do carnaval e a licencia para utilizar máscaras duraba moitísimo máis tempo. O espírito desta época queda reflectido na figura de Giaccomo Cassanova, simbolo da procura do pracer e o libertinaxe. A partires de finais do XVIII acelérase a decadencia de Venecia e con ela decaen os festivais e o uso de máscaras que se prohiben totalmente a partires de 1930 por orde de Mussolinni.




Existían moitos tipos de máscaras pero sen dúbida, a máis terrible era a do médico da peste, caracterizada por un longo nariz. Este era o disfrace utilizado polos doutores que acudían a diagnosticar os casos de Peste Negra, epidemia que arrasou a cidade en repetidas ocasións. O disfrace tiña unha función práctica, xa que no interior do longo nariz colocábanse herbas aromáticas. Os galenos da época estaban convencidos de que a enfermidade transmitíase a través do mal cheiro, razón pola cal intentaban protexerse mediante o uso destas fragrancias.


A máscaras venecianas teñen un papel fundamental na película Eyes Wide Shut de Stanley Kübrick, protagonizada por Tom Cruise e Nicole Kidman na que un doutor neoiorquino e a súa nova esposa participan nuns estranos rituais reservados a membros moi selectos que se cobren con máscaras para preservar a súa identidade.


A principios dos 80 un grupo de artesáns locais fixeron renacer a tradición das famosas máscaras venecianas e conseguiron que o carnaval da cidade se converta nunha das máis importantes atraccións turísticas.

Podedes apreciar a espectacularidade dalgunhas destas máscaras nesta reportaxe fotográfica correspondente ao carnaval do ano pasado.






No comments:

Related Posts with Thumbnails