Saturday, 24 April 2010

23 DE ABRIL. DÍA DO LIBRO. PARA QUE LES?

Un curso máis o Dia do Libro.

Esta edición ben merecía un pequeno esforzo extra. Todo comezou, hai xa bastantes meses, coa iniciativa Para que les?, unha interesante reflexión sobre a lectura, que desde o blog da ONG Implicadas no Desenvolvemento,  foi  rápidamente secundada por tantas persoas, entre elas, bastantes dos nosos escritores e escritoras. 103 bibliotecas escolares galegas, nada menos, puxéronse tamén en movemento e de moitas delas empezaron a chegar materiais complementarios e declaracións dos principios lectores do alumnado, as súas familias, autoridades municipais, deportistas, veciños…Contamos tamén coa impagable colaboración de Jaime Eizaguirre, que nos regalou o seu tempo e a súa imaxinación e deseñou para nós os carteis da exposición. Era cuestión de cada centro organizarse o mellor posible para sacar o maior partido a estes materiais tan aproveitables.

Este foi o noso reto e, a verdade, custounos superalo. Resultou ser un camiño bastante longo e laborioso en que moitas persoas, durante horas interminables, recortaron, redeseñaron, deconstruíron e reinventaron os entrañables ”monigotes” de Jaime ata convertelos en parte da súa paisaxe cotiá durante moitos días. Houbo quen transportou enormes caixas de electrodomésticos, reservadas en varias tendas, que aos poucos convertían a biblioteca nun almacén. Outros forraron as caixas sen comprender como algo que, en principio, debería levar non máis de 5 minutos convertíase nunha tarefa moito máis complexa e laboriosa. Tamén houbo que pintar, pegar, volver pegar o que se empeñaba en despegarse e pór a proba a capacidade de invención de varias persoas para converter todas estas enormes e deslucidas caixas en vistosos e luminosos contenedores que convencen a calquera que pase polo seu carón a querer saber as múltiples razóns que  nos achegan á lectura. O amplo vestíbulo do centro está totalmente invadido por estas contundentes e simpáticas presenzas que permanecerán connosco varios días. Grazas ao traballo colaborativo das bibliotecas escolares galegas contamos tamén cunha interesante escolma de testemuñas de persoas pertencentes a moi diversos ámbitos e profesións: deportistas, xornalistas, actores e políticos deixáronse fotografiar lendo e aportan interesantes opinións e preferencias literarias.082

As escaleiras están decoradas coas achegas do alumnado de 1ª ESO que preguntou a irmáns maiores, pais, nais e familiares. Ata temos colaboracións dalgún escritor relevante, veciño de Pontevedra.
Un espazo moi especial do vestíbulo está reservado ao magnífico traballo realizado por alumnado de 4ª ESO para o Salón do Libro infantil e Xuvenil, que nesta edición tivo como tema
a cidade.

Por último, é un pracer informar desde Mesturas do recital poético conmemorativo do centenario do nacemento de Miguel Hernández organizado polo Departamento de Lingua Castelá e Literatura. Queremos resaltar o papel protagonista, tanto na presentación do acto como no recitado de poemas, do grupo de alumnado que compón “Tinta Viva”, o noso club de lectura. O acto tivo o seu momento culminante cunha magnífica interpretación a capella ,vibrante e chea de emoción, de “Vientos del Pueblo”. Tamén asistimos, a continuación, á tradicional entrega de premios aos gañadores do concurso literario que cada ano organiza o Departamento.
Non faltou a invitación a pastas á hora do café por parte do equipo da Biblioteca e o sorteo de 4 libros entre o profesorado como un pequeno agasallo de agradecemento pola súa colaboración ao longo do curso. Agradecemos moitísimo as múltiples felicitacións de tantos compañeiros e o apoio e os parabéns do equipo directivo. Unha festa do libro estupenda. Estamos emocionad@s. 069_(2)

Queremos agradecer moi especialmente o magnífico traballo de coordinación de toda esta actividade de tantos centros ás compañeiras Loly do Segrel do Penedo e a Olga de Biblioteca Milladoioro Malpica. Grazas tamén polas súas interesantes e valiosas recompilacións que mostramos nesta mesma entrada.
E grazas, como non,  a tantos compañeiros e compañeiras e, sobre todo, ao alumnado do centro por facer posible este día tan especial.

Unha montaxe apresurada con algunhas fotos para que vos fagades unha idea do que acabamos de contar.

 

 

9 comments:

olga said...

Pagou a pena tanto traballo: a expo é fermosa. A pregunta é ¿queda algo desto dentro dos nenos e nenas? Eu quero pensar que si. Anque só sexa nun. PAGA A PENA!

Ronsel said...

Que pasada! Parabéns, coma sempre, por todo. Todo o que se ve é unha auténtica marabilla: sodes uns mestres, coma sempre.

Bibliobelesar said...

Charo, canto traballastes!!! Esos rapaces e rapazas deben ser moi especiais...Que bonito quedouvos todo!!! Sen dúbida que aprenderon e lles quedou todo o que lle inculcastes con cariño e moito, moito, moitísimo esforzo!!! Bicos dende Belesar!

Bibliobaronceli said...

Pois si que lle quitastes partido aos materiais!!! Realmente, espectacular.

Vilán said...

Coma sempre, chea de ideas e cunha capacidade tremenda para levalas a cabo dun xeito ben fermoso.Noraboa!

Encarna said...

Parabéns por ese fermoso traballo.
Un agarimoso saúdo dende o CEIP de Andrade en pontedeume.

Loly said...

Non teño palabras... EXTRAORDINARIO TRABALLO. PARABÉNS!!!!
E por suposto que queda algo dentro deles e de tod@s nós, estou totalmente convencida.
Apertas lectoras

MESTURAS said...

Grazas a todos e todas vós. Só unha pequena aclaración. Isto non é un traballo meu. É o produto da colaboración de varias persoas. Estarán moi felices de saber que o resultado final é do voso agrado. Grazas de novo.

Bibliomanía said...

Fantástico!
Grazas por capitanear este barco e ofrecer ao mesmo tempo tantas posibilidades.
Unha aperta.

Related Posts with Thumbnails