Wednesday, 29 April 2009
Dia Internacional dos Traballadores
Tuesday, 28 April 2009
Expresso Book Machine
'The Espresso Book Machine' (a 'máquina expres' de libros) é unha fábrica de libros sen traballadores, unha planta de impresión de dous metros e medio de longo que pode imprimir, aliñar, pegar, cortar e terminar un libro cada catro minutos sen intervención humana de ningún tipo.
Pode producir dez libros diferentes ao mesmo tempo e co mesmo custo que dez copias do mesmo libro.
Pode fabricar libros en calquera idioma, coa espiña a esquerda ou dereita e coas súas correspondentes tapas a toda cor, cun máximo de 550 páxinas.
Algúns din que é a revolución máis importante no mundo da edición de libros desde a invención da imprenta.
fonte Consumer Eroski, onde tedes unha completísima información.
Sunday, 26 April 2009
Aínda estremecen…
…estas fotos dos atentados do 11-S tomadas desde un avión militar.
Thursday, 23 April 2009
Celebración Día do Libro
- Imos contarvos como celebramos este ano o Día do Libro no noso instituto. Para comezar, dirémosvos que o alumnado de 4º ESO por fin puido ver exposto no vestíbulo o traballo que levan elaborando durante varios meses : un fermosísimo grupo de figuras que son unha sentida homenaxe a toda a maxia, as sorpresa, a sabedoría que podemos atopar se nos achegamos de cando en vez aos nosos queridos compañeiros, os libros. Había que decorar o vestíbulo para esta ocasión tan sinalada así que deseñamos un cartel que é toda unha declaración de principios: no Sánchez Cantón apreciamos os libros, lémolos, coidámolos, prestámolos, calquera que nos visite pode ver que os temos por todas partes. O resultado é impresionante. Temos un Departamento de Plástica que é todo un luxo.
- Tamén aproveitamos a ocasión para celebrar a entrega de premios do Certame Literario do Departamento de Lingua e Literatura. Tema? “Amor máis aló da morte”. Nin máis nin menos. Decoración especial do Salón de Actos, como podedes ver na foto. O mellor de todo: escoitar a un grupo de alumnado recitar unha pequena antoloxía de poemas para ilustrar o tema coas palabras de Petrarca, Lope, Miguel Hernández, Lorca, Benedetti…
Tivemos a gran sorte de contar, ademais, cun grupo de instrumentistas que intercalaron varias pezas ao longo do acto. Para que logo digan que estes rapaces non aproveitan ben o tempo…! Felicidades ao Departamento de Música que logrou vencer as reticencias dos máis tímidos que estaban un pouco asustados de ter un auditorio tan numeroso.- Logo asistimos á entrega de premios. Comentan os compañeir@s de Lingua e Literatura que o nivel é excelente este curso.
- Tamén houbo unha sorpresa para o profesorado:
Cando chegou a hora do café apareceu unha gran fonte de madalenas. Ao degustalas, aparecía un paquetiño cun poema. Os mesmos poemas que o alumnado recitaría uns minutos máis tarde no Salón de Actos. Os mesmos que recibirán, nunha pequena edición caseira, todos os asistentes ao recital xa nas súas aulas como lembranza deste día.
- Grazas a tantas persoas que axudaron, felicitaron, fotografiaron, arranzaron cables e cortinas, encargaron flores, deron ánimos... así da gusto traballar
E para rematar, unha mención moi moi especial aos nosos queridos compoñentes do club de lectura Tinta Viva. Que mestres de cerimonia tan impecables!. Vese que lle van collendo o gusto a isto de presentar actos literarios. Como debe ser,
- Queredes fotos?
Open publication - Free publishing - More lectura
- O complexo proceso de creación das figuras
A antoloxía máis o cartel
Wednesday, 22 April 2009
Friday, 17 April 2009
De Cangrexos e Doutrinas do Shock
De volta dos encontros PLAMBE tan felices de ver de novo a Cristina e Pilar, aos nosos “vellos” amigos e amigas de sempre e constatar a ilusión doutros compañeiros que empezan esta viaxe, poñemos ao voso dispor esta información que no seu día publicamos en Mesturas e retomamos agora, por se é dalgún interese, despois de asistir á conferencia de Emilio Pascual “A lectura dos outros”. Recomendamos especialmente o video que non deixará indiferente a ninguén. Tamén adxuntamos esta ligazón a un texto de Samaniego que vos resultará moi familiar.
- Temos na biblioteca a última obra de Naomi Klein A doutrina do Shock. Obra documentadísima na que ofrece as súas conclusións tras numerosas entrevistas e investigacións levadas a cabo nos últimos catro años. A súa principal conclusión é que o neoliberalismo salvaxe vai a miúdo da man de políticas gobernamentais afíns e pode chegar a utilizar desastres de todo tipo, naturais ou terroristas, como combustible da súa voracidade nos momentos en que as poboacións se senten máis indefensas.
A súa tese é que do mesmo xeito que tras un duro interrogatorio os prisioneiros quedan en situación de desorientación e vulnerabilidade extremas e dispostos a colaborar, igualmente as poboacións aterrorizadas estarían dispostas a seguir a aqueles individuos que aseguran ser os únicos apropiados para salvalas. Serían estes os mellores momentos para modelar as sociedades segundo os seus intereses. Temos o libro do trinque, recén traducido e adquirido, o aspecto é impresionante pola extensísima bibliografía e documentación. Moi interesante, provocador e sen dúbida polémico, como tamén o foi No Logo, o anterior traballo desta activista canadense . A teoría de Klein sobre como avanzou o capitalismo global ata a súa agresiva fase actual impactou a Alfonso Cuarón, o director do inquedante filme Fillos dos Homes. Cuarón realizou unha chamativa curta de seis minutos, presentada no festival de Venecia e que ten gran forza visual, na que Naomi Klein resume a súa teoría.
Thursday, 16 April 2009
Corín Tellado
Hai uns días morreu a escritora Corín Tellado e de súpeto vinme transportada de novo á infancia, cando visitabamos no verán á avoa que, como a maioría das veciñas do seu barrio na aldea, non sabía ler nin escribir. Estas mulleres adoitaban saír coas súas cadeiras á porta da casa ao caer un pouco a calor, concluídas xa as innumerables tarefas da mañá. Era o momento da costura. Bordaban a velocidades incribles manteis que logo un home levaba cada semana, deixándolles a cambio unhas cantidades que entón xa a min parecíanme ridículas. Elas limitábanse a recoller o diñeiro e levar para casa máis tea e máis fíos de cores para seguir bordando. A memoria desas tardes está asociada para sempre coas fotonovelas de Corín Tellado. As fillas daquelas mulleres, que a min parecíanme tan maiores pero que non podían ser senón raparigas moi novas, literalmente devorábanas. En casa da avoa non había moito que ler, así que moi pronto eu tamén sumeime a aquela moda. Podería dicirse que houbo un verán en que pasei directamente dos contos a esas fotonovelas que me descubriron todo un mundo descoñecido e tortuoso de secretarias, enfermeiras e dependentas eternamente torturadas por aqueles señores que na última páxina resultaban, despois de todo, ser perfectos para elas. Hoxe lembrei de novo esas fotonovelas. E descubro abraiada que Corín Tellado é a escritora máis lida en castelán, que escribiu máis de 4.000 títulos, que era unha traballadora infatigable, que non era romántica en absoluto, que casou con máis de 30 anos, que se separou con dous nenos moi pequenos no 62, cando case ninguén o facía. Ademais, mantivo unha relación moi amistosa e fluída con Mario Vargas Llosa e Cabrera Infante, xa lía a Henry Miller con 11 anos e dixo que lle encantaría ter sido a autora dos Santos Inocentes de Delibes ou do De profundis, de Oscar Wilde. Miúda sorpresa.
Tuesday, 14 April 2009
Un libro que está para comelo
A nova editorial PATASDEPEIXE edita un libro que está para comelo.
Non, esta non é a portada, é a traseira e cómpre vela antes de nada porque ten un aviso moi importante: Por favor non intente comer este libro na casa. Está ben que avisen porque o libro é tan delicioso que da gana de devoralo.
Ten aparencia dun conto infantil pero é unha historia para goce de cativos e maiores, con excelentes ilustracións, que fala dun neno que se achegou á lectura por unha indixestión de libros.
A presentación oficial do libro será en Santiago o vindeiro 29 de abril pero xa está en moitas librerías e se vos interesa podédelo pedir a editorial Patasdepeixe .
Este é un libro mimado, primeiro produto desta nova, arriscada e fresca iniciativa editorial, eles din que é o seu primeiro peixiño, e nós desexamos que teñan moitos máis porque estamos necesitados de ter en galego contos, fantasías e realidades.
Por certo non deixedes de ler como argallaron o libro nun proceso galego-anglo-chinés.
Grazas
Á volta das vacacións atopamos nada menos que estes dous agasallos d@s nos@s compañeir@s nesta viaxe virtual que os blogs das bibliotecas escolares comezamos hai non tanto tempo.
O primer agasallo é este selo violeta da Biblioteca. Milladoiro.Malpica
É unha idea que procede de Blogstórias Essenciais
Segundo os seus creadores "O Selo Violeta representa as sensações que a cor violeta traz para a nossa mente. Este prêmio é dado aos blogs que têm algumas das sensações da cor violeta. São algumas delas: magia, encantamento, graciosidade, magnetismo... e tudo aquilo que parece mágico".
Xa podedes imaxinar o felices que estamos con este selo violeta e o que representa…
Pero non remataron aquí as sorpresas; non, nin moito menos…
Tamén temos outro premio de Raioteca que di que somos un blog moi, pero que moi maneiro. E algúns intentos máis de premiarnos que chegaron tarde pero que nos emocionan igualmente. É realmente abrumador. GRAZAS.
Estas son a regras que temos que cumplir:
- Exhibir os Selos .
- Publicar o nome do blog que cho deu
- Indicar cantos blogs consideras que tamén os merecen.
- Avisar aos indicados.
- Publicar as reglas.
- Comprobar que os blogs indicados sigan as reglas.
Entón temos un problema, como chegamos con retraso agora é un pouco difícil para nós investigar que blogs teñen xa os agasallos e cales non. E, a verdade, entendemos que todos os blogs das bibliotecas escolares gozan de excelente sáude e son máxicos e maneiros e máis que marabillosos polo que simbolizan e representan: que en Galicia as bibliotecas escolares están cheas de vida. Teremos que investigar cun pouco máis de tempo e atopar 20 blogs para pasar o premio, porque non queremos perder os nosos galardóns.
Monday, 13 April 2009
Excelente hemeroteca dixital
Atopamos en Papel en blanco información sobre esta excelente hemeroteca dixital facilitada pola Vanguardia que nos permite ter un acceso inmediato e gratuíto ao xornal de calquera dia que nos interese dende 1881, nada menos, e permite procurar a información por data e palabras clave con diversas ferramentas de filtrado: tema, só portada etc . Podemos descargar o exemplar dixital elixido ao noso equipo en formato PDF e dispor del para ver que sucedeu o día que nacemos, por exemplo, ou para que o alumnado rastrexe unha nova determinada ocorrida hai moito tempo, como o inicio da guerra civil , ou a primeira viaxe á lúa, ou botar unha ollada ás páxinas de publicidade, poñamos por caso. Interesante.
Totalmente ao azar, eliximos esta páxina do 25 de Abril de 1956
Tuesday, 31 March 2009
Danza biolóxica
Lemos en Wikipedia que a bióloga Lynn Margulis, famosa polo traballo sobre endosimbiose, afirma que a simbiose é o principal axente director da evolución. Ela considera que as ideas de Darwin sobre evolución, baseadas na competencia están incompletas e que a evolución está fortemente baseada na cooperación, interación, e dependencia mutua entre organismos. Segundo Margulis e Sagan (1986), "A vida non conquistou o planeta por combate, senón por cooperación ".
Gústanos a idea.
Sunday, 29 March 2009
Excelente recurso para mellorar o teu inglés
Desde Mesturas recomendamos esta ligazón. Parécenos amena, con contidos moi variados e unha excelente práctica e complemento para as túas clases de inglés.
Saturday, 28 March 2009
Friday, 27 March 2009
Un video viral que debes ver
Traducimos do País :
…”Hai un vídeo con máis de 3 millóns de visitas que é unha produción pensada para formato viral; titúlase "A vision of students today", e alí pode verse a un grupo de estudantes dunha universidade mostrando os alcances da WEB 2.0, a súa forma de traballar e as enormes diferenzas sociais que impiden o acceso a tecnoloxía de moitísimos mozos no mundo. Versión subtitulada.
Traducimos da Wikipedia.
Un vídeo viral é unha gravación que foi amplamente difundida a través de Internet por publicidade ou por correo electrónico, por blogs e outros sitios web.
Vexamos, pois, ese video…
Thursday, 26 March 2009
Eulalio Ferrer: In memoriam
Acaban de dar a nova da súa morte pola tele.
Esperamos que alcance a inmortalidade, aínda que sexa pequena e de baixa intensidade, coa nosa lembranza dalgunha das súas ideas que tan deliciosamente contou en “Pompas fúnebres.”
Fixemos para el esta esquela festiva. Ben o merece. Non sabemos facer nada mellor.
O noso agradecemento e admiración por todo o que aprendemos do seu marabilloso libro.
Monday, 23 March 2009
Soundscape: deixa que a paisaxe fale.
Que pasará se imos de paseo durante unha hora, en silencio, pola nosa cidade e de volta alguén nos pide que relatemos polo miúdo a experiencia?.
Que describiremos?
Cantos sons lembraremos?
Mesmo se nunha segunda oportunidade se explicita que busquemos sons na nosa memoria, cantos agromaremos?
Probablemente ao facer esta ou similares experiencias poderemos comprobar que temos reducida a nosa paisaxe a imaxes visuais, e habituados ao ruído, non gozamos do silencio nin dos sons que constantemente chegan a nós e que apenas percibimos.
Como Muray Schafer mantén os sons dunha localidade tamén conforman a súa identidade tanto como a arquitectura, a lingua, a comidas, as formas de vestir dos seus habitantes. Este concepto tan peculiar da paisaxe (soundscape) está a ser considerado en profundidade tanto desde o punto de vista de compositores como de arquitectos e urbanistas.
Recomendamos vivamente a delicada proposta de Hildegard Westerkamp onde podemos encontrar instrucións precisas para realizar este suxestivo e diferente paseo sonoro
Realmente é todo un mundo por explorar, se queredes profundizar no tema podedes visitar ou botar unha ollada a esta interesante páxina onde podedes realizar diversas viaxes sonoras ou construir a vosa propia paisaxe.
Por desgraza, estes espazos sonoros ou de silencio tamén son vulnerables e fácilmente contaminados por ruídos que impiden a comunicación. Hai pouco tempo mencionábamos o controvertido uso do chamado Mosquito para disuadir á mocidade de frecuentar determinados lugares con sons desagradables que só eles poden escoitar. Vemos como o ruído pódese convertir nunha poderosa arma de control social e tamén nunha fonte de interminables problemas para as persoas que o soportan por diferentes circunstancias. Existen asociacións de activistas contra o ruído e sitios contra a contaminación acústica.
E para rematar podedes botar unha ollada a este interesante video gravado no Centro Galego de Arte Contemporánea onde 8 persoas cantan unha paisaxe sonora da cidade.
Saturday, 21 March 2009
Feliz Día Mundial da Poesía
Created with Admarket's flickrSLiDR.
Friday, 20 March 2009
Discutindo a Divina Comedia con Dante
Titúlase “Discutindo a Divina Comedia con Dante” e é o cadro máis comentado na Rede. Pintárono en 2006 tres artistas taiwaneses pero foi en 2009 cando empezou a súa difusión copando portadas de webs e blogs ao redor do mundo. En trece metros cadrados de tea os autores representaron ata 103 personaxes influentes, segundo o seu criterio, na historia da humanidade. Aquí podemos atopar figuras tan dispares como Karl Marx, Elvis Presley, Bill Gates, Shakespeare ou Audrey Hepburn.
Os autores non identificaron os personaxes, por iso @s internautas dedicáronse a xogar ao quen é quen e suxerir nome e apelidos
A representación española é mais ben concisa. Entre tanta celebridade só atopamos a Salvador Dalí e a Pablo Picasso,
As que tamén quedaron relegadas a un segundo plano foron as mulleres (sorprendente?). De entre os 103 personaxes podemos atopar menos de dez mulleres, entre as que están Marilyn Monroe, a nai Teresa de Calcuta ou Margaret Thatcher.
Fonte "El Mundo"
Facendo clic na imaxe poderedes ver unha ampliación na que ao colocar o cursor sobre as figuras, estas aparecen identificadas e con ligazóns á Wikipedia. Para pasar un intre entretido se non tedes nada mellor que facer.
Thursday, 19 March 2009
Bibliotecas moi especiais
Hai tantas… pero atopamos unha escolma que non coñecíamos en Mirage Bookmarks e non resistimos a tentación






