Friday, 12 October 2007

Sinestesia: Cores que saben, sons que berran

Cando tiña tres anos, a Vladimir Nabokov regaláronlle un xoguete consistente nuns cubos de madeira de diferentes cores, cada un dos cales levaba pintada unha letra. Ao ver o cubo vermello, correspondente á letra A, o futuro autor de 'Lolita' reaccionou enfadado e díxolle á súa nai: «O A non é vermello, é azul». A súa queixa non foi un arrebato de precocidade poética; A súa discrepancia coas cores do xogo procedía dunha percepción meramente física: para el, os sons representados pola letras non só chegaban ao oído, senón que tamén eran portadores de cromatismo; isto é, entraban polos ollos.
O ocorrido a Nabokov era un fenómeno que sofren -ou habería que dicir «gozan»- cinco de cada 10.000 persoas: a sinestesia. Dáse cando os suxeitos, ao recibir a información pola canle dun dos cinco sentidos, experimentan reaccións propias doutro: é dicir, «mesturan sensacións», uns cheiran melodías, outros oen cores ou saborean números. Na maioría de casos non se trata de percepcións transitorias, froito de estados de alucinación ou sobreexcitación, senón sensacións claras e permanentes. Os neurólogos que estudaron o fenómeno non acaban de pórse de acordo na súa orixe. Para uns, débese ao comportamento de determinado tipo de conexións entre células cerebrais. Outros dan máis importancia a factores hereditarios, hipótese avalada pola frecuente existencia de varios sinestésicos nunha mesma familia. A nai do propio Nabokov, por exemplo, vía formas e cores ao escoitar música; e Dimitri, o fillo do escritor, tamén tiña impresións similares.
O interese da sinestesia como peculiaridade neurolóxica combínase co seu indiscutible valor como forza creativa. Eran sinestésicos o compositor Rimsky Korsakof como tamén o foi o pintor Vassily Kandinsky. Un paciente describía ao seu terapeuta os sons agudos da seguinte forma: «Vese algo como fogos artificiais vermellos e rosados; a tira de cor resulta áspera e desagradable; teñen un sabor horrible, como o do cogombro en conserva; podería un ferirse a man con iso».
Kandinsky consideraba aos sinestésicos uns seres envexables situados «na vangarda espiritual da humanidade». Quizais non estivese equivocado.

Moi interesante e documentada esta ligazón para os que queirades saber máis.

No comments:

Related Posts with Thumbnails