Monday, 8 October 2007

Durmir nos cibercafés


O equipo de En Portada da TVE 2 visitou, nunha interesante reportaxe, os cibercafés de Tokio onde pasan a noite un número crecente de persoas, moitas delas mozos e mozas que teñen contratos de traballo que non lles permiten acceder a unha vivenda.
Estes cambios na supostamente próspera sociedade xaponesa cun dos máis altos niveis de vida do mundo, son consecuencia da introdución en Xapón da economía neoliberal que levou á aplicación de medidas que chocan coas características do modelo empresarial xaponés. A reportaxe de En Portada explica como a tradicional economía de Xapón, moi protexida polo estado, vive agora unha transición cara ao modelo liberal no que as empresas privadas teñen un maior protagonismo e liberdade de acción.
Moitos xaponeses están tamén enoxados pola deriva nacionalista e belicosa que tomou ultimamente a facción ultra conservadora do Partido Democrático Liberal. Este partido que goberna o país dende o final da segunda Guerra Mundial, quere potenciar as forzas armadas, e sancionou a máis de 400 mestres por negarse a cantar o himno nacional nas escolas públicas, algo que o goberno fixo obrigatorio.
Os centos de cibercafés que se reparten por Tokyo ofrecen tarifas nocturnas especiais por 1.500 yens (uns dez euros), inferiores ás das pensións máis baratas da capital. Neses tipos de establecementos, cunhas instalacións sempre dunha limpeza inmaculada, o usuario dispón dun pequeno cubículo privado cun cómodo sofá reclinable, televisión e un ordenador de mesa con conexión a Internet, no que tamén se poden ver películas e xogar cos videoxogos.

Ademais, moitos destes centros dispoñen de coleccións de DVD e de cómics manga, baños comúns, máquinas dispensadoras de bebidas e comida para os seus usuarios e ata sillón para masaxes. Algúns destes negocios, conscientes das necesidades dos novos 'refuxiados de Internet' -como se lles coñece en Xapón-, chegan a vender roupa interior para que poidan cambiarse.
Aquí podedes ver o aspecto destas pequenas habitacións totalmente equipadas, abertas as 24 horas e que contan cada día con máis demanda para pernoctar. Que vos parece?. Que horror!

No comments:

Related Posts with Thumbnails