Wednesday, 26 March 2008

Buda estalou por vergoña


Chámase Hana Makhmalbaf e é iraniana, unha rapaza iraniana de tan só 18 anos, nada máis. Cunha cámara, os impactantes escenarios naturais de Aghanistán, uns cantos nenos afgáns, e unha meniña de pouco máis de 5 anos fixo esta película que non pode deixar indiferente a ninguén. Tampouco tivo que inventar moito: só ter os ollos ben abertos nun desgraciado país onde ser nena, ser muller é, sen dúbida, a peor das desgrazas. A protagonista é unha nena de case 6 anos que ten a absurda pretensión de ir ao colexio porque lle dixeron que os libros son divertidos: calquera cousa é mellor que unha realidade onde todo é sombra e morte. Pero a súa pretensión custaralle cara: golpes, insultos, burlas, persecucións e o peor, o máis aterrador de todo é que os seus torturadores son nenos que só imitan aos maiores e reproducen o demencial mundo no que nacen e medran.

Podedes ver no video a desenvoltura coa que esta rapaza tan nova contesta ás preguntas dos xornalistas, o ben que se expresa, o acertado das súas respostas. Por exemplo:

P.-¿Como conseguiches que a nena fixera as esceas máis violentas? Cal foi a súa preparación?
R.-Foi moi doado, en realidade. Forma parte da súa cotidianedade. É así como ela vive todos os días.
P.-É unha película para nenos ou adultos?
R.-É algo que a miúdo dubidei no seu momento. Agora penso que os nenos tamén deben vela porque hai moitos nenos e nenas que viven esas situacións e para eles non hai censura.


No comments:

Related Posts with Thumbnails