Oístes falar de Bansky?
É curiosa a personalidade deste grafiteiro de Bristol do que pouco ou nada se sabe. Uns 35 anos, alto, louro e pouco máis. El mesmo se define como un vándalo profesional e parece estar cómodo entre a veneración de miles de fans aínda que outros o consideren un simple gamberro. Acúsano de criticar sen piedade a sociedade de consumo e vender as súas obras a prezos exorbitantes. Bansky é un artista da camuflaxe: ninguén, salvo o seu reducido círculo de amigos, di coñecelo ou saber realmente como é. Empezou enchendo todas as superficies de Bristol dunhas ratas moi críticas que se rían de todo: das normas, das prohibicións, da xente. Desde entón a súa obra é fotografada polos turistas, coma se fose un monumento máis. Ás veces chegou a entrar disfrazado en museos de fama mundial como a Tate Gallery ou o MOMA e conseguiu deixar creacións súas que parodian a obras de famosos pintores, sen que ninguén o advertise. Pinta o muro de Gaza e acusa a Israel de converter Palestina no maior cárcere ao aire libre do mundo. Traballa ás veces para organizacións como Greenpeace, pero non deixa de actuar na rúa: chega pola noite coas plantillas dos seus debuxos xa preparadas, para poder pintar con sprais e así rematar máis cedo e non ser descuberto. As autoridades non se poñen de acordo: pintar nun edificio sen permiso é un acto de vandalismo que debe ser perseguido, pero tratándose de Bansky todo se complica. En Bristol o concello viuse forzado a convocar unha consulta popular e o 95% dos votos decidiu que a súa obra permanecese na parede . Todo un personaxe.
No comments:
Post a Comment