Saturday, 8 March 2008

Tom Zé ao vivo: alén da marxinación tropicalista.

Condeado ao ostracismo artístico por un movemento tan aperturista como monocorde na súa perspectiva creativa, pouco se pode engadir ás vivenzas do grande Tom Zé co mundo do Tropicalismo: logo da súa eclosión nas rúas e escenarios de Salvador de Baía, aló polo lonxano ano 1968, o de Irará afastouse da progresión melódica da tropicalia, que outros como Veloso ou Gil seguiron, para se centrar na experimentación máis radical e popular, traballando novas tendencias nas atmósferas culturais de São Paulo. Recompensas, poucas: a súa proposta non foi comprendida, nin aceptada, e logo de anos de reivindicación popular mergullarase Zé no espazo máis underground dunha sociedade reaccionaria coas novas tendencias.

Damos un salto: estamos xa a finais dos anos oitenta. O que fora líder dos Talking Heads, David Byrne, anda á procura de novos talentos para gravar nun recén creado selo discográfico, Luaka Bop. Zé aparece no horizonte dun músico tan inquedo como visionario. Axiña publica unha compilación coas súas mellores cancións, Tom Zé (Luaka Bop, 1990), á vez que comeza a ser mundialmente recoñecido.

No ano 2005 publica o seu Estudando o pagode (Trama), traballo que continúa de xeito lóxico o disco Estudando o samba de 1975, onde Zé reivindica o pagode en canto expresión da vontade creativa popular, mais matizándoo. O pagode, reinvención do samba nacido nas rúas de Rio de Janeiro nos anos oitenta, adoita tratar temas amorosos en clave fondamente sexista, vicio do cal Zé quixo fuxir, rescatando a víscera rítmica á vez que modificaba os contidos dos seus textos. O resultado, unha opereta xenial, Segregamulher, politicamente comprometida, musicalmente exuberante. En 2006 presentou o seu último disco, Danç-Êh-Sá (Tratore), ecléctico e fondamente contemporáneo: dese risco nace unha xira que o vai levar a Santiago de Compostela o vindeiro domingo día 13 de Abril, no Auditorio de Galicia, dentro dunha nova entrega do Ciclo Sons da Diversidade.


O amor é um rock... e a personalidade dele é um pagode.


Ao vivo, creando un dos temas do seu estudo do Pagode: estúpido rapaz.

No comments:

Related Posts with Thumbnails