Como agasallo neste día temos este texto tan fermoso do blog amigo Biblioteca.Milladoiro. Malpica.
Imaxe: María Miramontes. Unha das defensoras do estatuto do 36.
Anos cincuenta.Un exército bulangueiro de mozas percorre cada mañá os camiños para chegar ó taller no que serían aprendizas e logo, se lles aproveitaba o aprendido, oficialas e...COSTUREIRAS.
Coas primeiras ganancias mercarán o seu propio medio de producción: a MÁQUINA de COSER. Alfa, Singer, Refrey, Sigma... estaban nos soños destas mozas que se farán expertas en zurcidos e remendos e en corte e confección (A miña muller/filla ten dúas carreiras, bromeaban os homes)
Mozas que se farán contratar por horas ou por xornadas nas casas que poidan pagalo e logo, ó volver ás súa, coserán toda a roupa da familia.
Este traballo ten ademáis un grande valor engadido para a casa pois os seus coñecementos suporán unha fonte de aforro e, en moitos casos, de ingresos. Desde un pantalón de mahón a un enxoval ou un traxe de noiva... ¡non hai peza que se resista!
Aqueles talleres eran a FP das mulleres galegas. Lugares nos que se sentaban en círculo en sillas costureiras, lugares de charla e de bromas (Vai buscar a pedra de afiar as agullas, era un encargo frecuente para a recén chegada) de complicidades, de rivaliades, lugares de coñecemento moi especializado: multitude de tipos de oxais, de sisas, de cuellos, de petos, de telas...cada un co seu nome propio. Autenticos templos de aprendizaxe. O mundo en feminino.
Traballo senlleiro da conciliación familiar, podía facerse na propia casa. Tódolos fogares tiñan un cuarto da costura cando aínda non era moda que cada fillo tivese o seu dormitorio.. Esta fonte de ingresos, nunca suficientemente valorada, permitiu pagar o transporte dos fillos para ir estudar, pagar a letra do coche ou do piso recén adquirido, pagar...
Senlleiro tamén en innovación e documentación: da máquina de levar na cabeza, pasaron á de pé e á automática. Calquera costureira era quen de interpretar complexos planos, tamén chamados patróns, e lía con facilidade revistas extranxeiras sabendo que burda significa centro de documentación de moda.
Logo chegou o listo para levar e a confección barata. E foron desaparecendo as tendas de telas e os talleres. Algunhas, tentaron facerlle a competencia á producción industrial etiquetando co seu nome as prendas que saían do seu taller. Pero non sobreviviron.
Hoxe. Cada mañá, un exército silandeiro de mulleres percorre os camiños (agora en coche) para entrar a tempo nos talleres industriais nos que se sentan en filas de costas unhas ás outras, descoñecen o proceso completo da cofección e cobran infrasalarios. Pero están aseguradas. E cosen, en xeral, para unha firma masculina.
Na lembranza de Carme, Maruxa, Tiluca, Victoria, Reme, Loli e todas cantas vos fixeron a roupa.
Costureiras. Tarsilia do Amaral
Completo a celebración con esta canción que, a min segue a pórme os pelos de punta. No primeiro plano fala de emigración, e ademáis... ¿lemos ente liñas?
3 comments:
O video é arrepiante, a min lémbrame o que miña avoa me contaba das durezas que ela pasara toda a súa vida, a min sempre me pareceron as súas enrugas un libro de vida e enriba sorría con esa alegría que só se posúe cando se acada a paz con unha mesma.
Grazas avoa María.
Nas análises económicas estas cousas sempre se pasan por alto, non aparecen nos libros, nin nos museos etnográficos. ¡Cantas puntadas teñen dado miles de mulleres, coma se iso non fora traballar, grazas ao que melloraba a imaxe e a economía familiar!
Xa fai un tempo que volveron as costureiras non industriais, agora con novas formas, pequenos talleres que fan os arreglos da roupa que se compra e modifican aquela a que lle hai que meter ou soltar,... Imos ver se cos tempos que corren non volven ter un papel primordial.
Mullers cosendo... ¡en todas partes! Homes firmando roupa das pasarelas...¡en todas partes!
E logo din que non cómpren as cuotas...Pois, seguramente ós varóns non lles cómpren. Seguro.
Post a Comment