Thursday, 5 November 2009

Consumo e o boca a boca nas redes sociais

Gústame este diagrama que acabamos de atopar curioseando pola rede. Resumindo moito vén dicir que as grandes compañías de marketing e publicidade cambiarán en breve as súas estratexias de venda ao detectamarketiing in a post consumer erar que se está a producir un cambio significativo nas tendencias dos consumidores a causa da famosa crise da que non parecemos querer saír, e onde todo apunta a que volveremos caer recorrentemente. Na primeira parte vemos os comportamentos das xeracións anteriores á época de consumo masivo, cando se compraba só o que se precisaba logo de deixarse aconsellar por familiares e amizades de confianza. Eran os tempos da reutilización; a xente encariñábase cos seus coches, a súa roupa, as súas posesións coma se fosen un membro máis da familia. Eran momentos en que todo se pagaba máis ou menos pronto porque había un rexeitamento social xeralizado cara ao endebedamento.

A segunda viñeta é fácil de interpretar. As compañías deben provocar no potencial cliente a necesidade de consumir inmediata e constantemente o máis novo, o mellor, en cantidades masivas. A idea para manter e aumentar beneficios é bombardear sen piedade aos consumidores potenciais para xerar a convicción de que as súas vidas carecen de todo sentido se non participan deste vórtice. Nada se repara, non paga a pena, o adquirido empeza a perder valor no momento preciso da compra. Todo é para desbotar. Todo é de usar e tirar. As débedas son benvidas.

A terceira parte, a máis interesante, mostra a aparición do temor xerado polas actuais circunstancias que fai que se operen cambios nos consumidores aproximando os seus comportamentos aos xa descritos na primeira fase. Imaxinade individuos coa mentalidade dos vosos avós con moitísimas máis competencias dixitais. Estes individuos, interconectados polas redes socias, establecen por fin barreiras de reflexión ante o bombardeo da publicidade. Pregúntanse de novo: realmente me cómpre? non teño xa algo similar en perfecto estado de uso? Teñen sentimentos de culpabilidade por un consumo excesivo. Empezan a valorar as empresas que ofrecen bos servizos de reparación e atención postvenda aos usuarios.
Neste contexto queremos resaltar o interesante e novo papel das redes sociais. Quizais sexa esaxerado dicir que crean realmente opinión, pero amplifican dun modo moi eficaz as opinións de moitísimos usuarios. Poden chegar a desempeñar de forma moito máis eficiente o antigo papel que tiñan os sabios consellos de familiares e amigos que comentabamos na primeira fase. Se é certo que esta é a lóxica evolución, e que vai producir modificacións de condutas duradeiras segundo un estudo aparecido en The Economist, as grandes firmas xa poden redeseñar as súas estratexias de venda. Ante individuos moito máis concienciados, informados, interconectados e responsables, o mercado xa non poderá volver ser o mesmo.

Diredes que non é especialmente novo nin orixinal. Probablemente teñades razón, pero gustoume velo tan claro nestes debuxiños tan ilustrativos.

Resumido, traducido e adaptado de Marketing in a Post-Consumer Era

No comments:

Related Posts with Thumbnails