Saturday 8 March 2008

8 de Marzo. Día da Muller Traballadora

¿Ata cando?

Balbina vive nunha aldea pequena moi perto de Compostela. Érguese moi cedo. Mentres Manuel e o neno durmen, ela alista os animais, prepara a pota da comida que deixará cocendo toda a mañá co lume baixiño e fai o almorzo.

Levanta ó neno e prepárao para ir á escola.

Érguese Manuel, almorza e prepara o tractor para marchar.

Botan a mañá traballando nas leiras.

Ó mediodía volven á casa. Balbina pon a comida na mesa e comen. Despois de comer, o neno marcha para a escola, Manuel vai botar unha siesta e Balbina, despois de recoller a cociña vai ó río: lava, pon a roupa ó clareo se non chove… Cando volve á casa Manuel xa se ergueu, prepáranse e van traballar a outras leiras.

Volven coa tardiña. O neno xa chegou e está xogando. Manuel aséase e vai á lareira de Alfredo, o veciño, a saber das novidades.

Balbina muxe as vacas e acomoda os outros animais. Fai de cear mentres axuda a José Manuel cos deberes. Cean todos xuntos. O neno déitase. Manuel pónse a ver a televisión e Balbina tamén, mentres repasa unhas pezas de roupa que recolleu hoxe do tendal.

Esta historia é real e tódolos personaxes tamén.

Para Balbina, e para tódalas balbinas que , mentres facían todo esto non podían abrir unha conta no banco sen o permiso do marido, nin quitar o pasaporte…. A tódalas mulleres que non pudieron votar a Constitución española porque non tiñan vinteún anos e viron como os seus compañeiros de dazaoito sí o facían.

¿por canto tempo, aínda balbinas?

A Muller Galega do Século XXI
(Clica na imaxe para ver o álbum)


A Muller Galega de principios do Século XX




Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

3 comments:

Anonymous said...

Coñezo a unha muller que con estudos básicos foi quen de levantar unha empresa:
− Eu nunca pasei fame, só ganas de comer certas cousas.
− A nosa nai traballaba desde ben cedo, cando nos erguíamos xa viña ela cun gran feixe de leña ao lombo, tamén traballaba na horta e nunca faltaba o pote de caldo para comer. Noutras casas si que o pasaban peor.
− Eu ía a escola, tiñamos unha profesora estupenda, ensinounos de todo, grazas a ela aprendemos a escribir, a facer contas, a coser, bordar, mesmo a algunhas alumnas as levaba a súa casa para ensinarlles como facer a cama.
Era moi boa, cando algún mozo da aldea tiña que marchar para fóra ela se ocupaba de preparalo especialmente. Iso si, eu tíñalle moito medo, suábanme as mans cando se me achegaba, mesmo sobaba o labor co suor polo medo que tiña a dar unha puntada máis grande que outra. ¡Como pegaba coa vara!
− Por presumir, como non había telas, as miñas irmás máis eu desfacíamos a roupa e dabámoslle a volta a tela, así sempre se falou ben de nós: ¡mira que xeitosas son as fillas de Secundino!
− ¡Canto me lembro de mamaciña! ¡O que ela traballaba! ¡Criou oito fillos! ¡Como traballaba nas leiras! Papá tamén traballaba moito, pero el de cando en vez ía cazar cos seu amigos e facían boas papadas.

Quen así fala da súa infancia e da súa nai é unha muller que durante décadas non soubo o que significaba vacacións, nin descansar os domingos nos que había que facer a limpeza e organización da casa que non se podía facer durante a semana, ou rematar o traballo de oficina que quedara pendente.
Sen dúbida hai moitas mulleres con parecidas historias, pero é que esa muller que coñezo é a miña nai.
Millóns de bicos aos millóns de mulleres traballadoras.

MESTURAS said...

Grazas, querida compañeira. O teu comentario é o mellor agasallo neste día. Bicos e os mellores desexos de todos e todas nós.

olga said...

Cando coñecin a Balbina a miña capacidade de escándalo disparouse.
Atribuín a súa situación á antropoloxía cultural de Galicia.

Tardei algún tempo en entender que, salvando as apariencias,case tódalas mulleres que eu coñecera ata aquel momento eran balbinas.Mesmo as urbanitas,as profesionais cualificadas,as non galegas...
De ese descubrimento saeu o firme propósito de non ser balbina, de non ser nai de ningunha balbina e de facer o posible desde a atalaia privilexiada da educación de nenos e nenas para que es modelo non fóra perpetuable.

Related Posts with Thumbnails