Monday 31 March 2008

Adeus aos rickshaws



Que pensas de viaxar nun vehículo tirado por outro ser humano?

Calcuta modernízase, empezan a despuntar os altos edificios de negocios e os centros comerciais . Desde 2001 cambiou o seu nome oficialmente por Kolkata e a pesares de que a Nai Teresa uniuna a imaxes de miseria, o certo é que é unha cidade emerxente e un dos centros intelectuais e culturais máis ricos da India. As autoridades da cidade coñecida polas tres eMes: Marxismo, Mother Calcuta, e Mishti, un polular iogurte endulzado, parecen inclinarse pola opción de eliminar os rickshaws, que circulan na India desde hai máis de 100 anos, e están relacioados no imaxinario colectivo co pasado colonial deste país.
Invitámosche a ver a magnífica reportaxe da prestixiosa fotógrafa Ami Vitale, que penetra na durísima vida dos condutores de rickshaws ou wallahs. Proceden na súa maioría do estado de Bishar, unha das zona máis pobres da India. O seu día empeza cedo, antes das 5 da mañá. Levántanse, toman unha ducha e un té, nunha especia de galpón ou dera onde viven xunto aos seus vehículos e outros condutores sen ningún tipo de comodidades nin intimidade. Fan unha breve pausa sobre as 11 para tomar algún alimento cociñado de forma comunitaria e descansar un intre, logo continúan ata as 11 da noite. Algúns traen ás súas familias a vivir con eles nestas naves en condicións precarias, doutro xeito apenas se verían unha vez ao ano pois os seus ingresos non lles permiten desprazarse ata os seus lugares de orixe. Non teñen forma de enviar aos seus fillos ao colexio, co que estes se verán obrigados a desempeñar o mesmo ou parecido traballo. Os seus clientes?: nenos e nenas aos que levan diariamente ao colexio con todo coidado, eles que apenas ven aos seus fillos. As familias confían totalmente nestes homes e contrátanlles durante todo o curso para desempeñar esta tarefa. Tamén traballan para os comerciantes dos grandes mercados aos que axudan co transporte de mercancías polo complicado labirinto de rúas da cidade. Imprescindibles nos grandes festivais relixiosos para desprazarse entre a multitude, probablemente a época de traballo máis dura para eles, pero tamén na que sacan un beneficio maior sexa a tempada de choivas monzónicas: literalmente chégalles a auga ao peito en moitas ocasións debido ao deficiente sistema de rede de sumidoiros dalgunhas das zonas da cidade. Estes homes din sentirse orgullosos do seu durísimo traballo que é o seu único medio de vida.
En varias ocasións as autoridades ameazaron coa supresión deste duro oficio pero nunca se decidiron do todo, mentres tanto eles seguen transportando pasaxeiros coñecendo ata o máis mínimo detalle do pavimento das rúas por onde transitan para evitar lesións: sería a súa ruína definitiva.
fonte: National Geographic
fotos : Ami Vitale.

1 comment:

Oki said...

Eu me pregunto de que vivirán os conductores destos rikshaws? A verdade é que en moitisimos casos a existencia deste traballo atroz e durísimo era a única saída que tiñan estes homes para dar un puoco de dignidade (que paradoxa!) ás súas familias. Espero que esas autoridades que van eliminalos teñan pensado unha solución/traballo alternativo para todos eles, e oxalá que sexa unha saída digna de verdade esta vez.

Related Posts with Thumbnails